M. Obelleiro . É membro das distintas plataformas que xurdiron nos últimos tempos en resposta á política lingüística que desenvolve o PP na Xunta. A docente e escritora Mercedes Queixas (A Coruña, 1968) admite que o seu compromiso persoal coa lingua queda reflectido coa súa sinatura 'en todo o que teña que ver coa defensa e promoción do galego'. Ademais de participar na asemblea de constitución de 'ProLingua' –celebrada o pasado sábado en Compostela–, Queixas confirma a súa asistencia á manifestación convocada por 'Queremos Galego' o 18 de outubro. 'É hora de que as voces falen en alto', proclama a escritora.
Por que decide adherirse ás plataformas en defensa da lingua? Non é nada novo nin puntual, xa que vén de anos atrás. Participo desde hai tempo, na medida do posíbel, en calquera asociación, agrupación ou movemento de renovación pedagóxica que trate de restaurar a normalidade de usos para a lingua. No devir, desde o meu compromiso e implicación, tentarei estar presente nas iniciativas que promovan o uso e a defensa do galego. Como ve a situación actual do galego? Con preocupación tanto como nai, como cidadá e como docente. Preocúpame o discurso político que xa se foi concretando en medidas que frearon os pequenos avances dos últimos anos e preocúpanme as actitudes de certas minorías respecto ao noso idioma. Eu adoito reparar na evolución do coñecemento e do dominio da lingua en relación á sociedade e mesmo ás xeracións da miña familia. Hai anos cheguei a constatar certa mellora, porque eu acadei máis competencias no galego que calquera das xeracións da miña casa e mesmo conseguín estabelecer unha relación especial coa lingua. Di que se preocupa pola lingua “como nai”... Gustaríame que as miñas fillas puidesen vivir en galego con certa normalidade, sen prexuízos e sen que sectores da sociedade as fagan sentirse menos polo feito de falar en galego. Sería bo que as xeracións novas non só coñecesen o noso idioma, senón que presentisen que a sociedade non llo impedise falar. Hoxe en día vemos como a nosa lingua non se transmite na rúa. Os rapaces e rapazas galegofalantes poden presentir que o galego pode ser algo menos que o castelán porque non o ven nin o escoitan. O certo é que ven poucos elementos de positividade e de normalización da lingua. Por que cre que xorden arestora as plataformas en defensa do galego? Nacen para canalizar sentimentos encontrados, que se levan sufrindo desde hai tempo. No último ano e medio, a sociedade volveuse máis adurmiñada porque as cousas ían cara a adiante, pero desde hai pouco alguén se encargou entón de crispar con argumentos falaces unha defensa falsa do bilingüismo, que non é tal, senón que trata de invisibilizar o galego. Tratan de minorizar a lingua propia de todos os galegos e galegas –aínda que a este sector non lle moleste– porque o galego é o noso idioma propio, tal e como recolle o marco legal.
A escritora Mercedes Queixas.
Como percibe a política lingüística que está a desenvolver o PP na Xunta?
Pois con desasosego pola serie de discursos, probas e accións que foron concretando, como a modificación da Lei da Función Pública, a supresión para a tradución de obras ao galego, a falta de apoio con todo o que ten a ver coa identidade galega –como aconteceu co Culturgal–, a excesiva lixeireza coa que se trata o ensino e a aprendizaxe de linguas... Até no eido da educación pode decidir calquera, menos os especialistas.
Con todo, hai militantes do PPdeG nas plataformas en defensa da lingua que censuran o comportamento do partido...
Isto demostra que dentro da sociedade somos unha maioría os que apoiamos a lingua. O galego é un problema común a toda a sociedade independentemente da forma que teña cadaquén de entender o mundo e independentemente do carné que un leve no peto. Temas como o da lingua están fóra dunha sigla.
Comentaba que a sociedade está “adurmiñada”. É o momento de activala?
A sociedade é o auténtico motor de cambio. Todos os avances lexislativos conseguíronse pola mobilización da sociedade. Agora cómpre renovar o compromiso social. Hai unha vontade de expresar que así non podemos continuar, así que hai que buscar outro camiño. Fai falta un compromiso pacífico, pero activo. Venme ao maxín un verso de Uxío Novoneyra que vén a ser unha metáfora do que está a acontecer: “de tanto calar xa falo eu solo”... E este é o momento para que as voces falen en alto.
Descargar Tarifas