PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
INFORME DA POLICÍA SOBRE O 'GÜRTEL'
O PPdeG pagou 3,2 millóns da súa campaña en negro

Redacción .  Feixóo insiste que non hai caso Gürtel en Galicia. Porén, recibos atopados pola Policía nunha caixa de Pablo Crespo (o ex-número 3 do PPdeG e vogal de Portos de Galicia até 2005) confirman que os conservadores pagaron en diñeiro negro a metade dos seus gastos electorais entre 1996e 1999.

Reloxo 04.10.2009 | 10:15

Pablo Crespo, ex-número 3 do PPdeG e vogal de Portos até 2005 Pablo Crespo, ex-número 3 do PPdeG e vogal de Portos até 2005

Un informe da Brigada de Branqueo da Policía detalla como o Partido Popular de Galicia pagou 3.224.826 euros en diñeiro negro, entre abril de 1996 e setembro de 1999, a diferentes provedores que lle organizaron todo tipo de eventos.

Os axentes contan con documentos procedentes dunha caixa de seguridade do Banco de Santander en Pontevedra. Segundo revela o diario Público hoxe, os papeis mostran a contabilidade dos actos conservadores entre 1996 e 1999. A metade pagouse a empresas da trama Gürtel en diñeiro negro.

Porque Feixóo mantivo a Crespo no cargo malia as sospeitas?

A caixa pertence a Pablo Crespo, hoxe en prisión como número dous da trama. Crespo foi número 3 do PPdeG en 1999, deputado e vogal de Portos de Galicia até 2005.

Alberto Núñez Feixóo, como Conselleiro de Política Territorial, mantivo a Crespo como directivo de Portos de Galicia malia que no PPdeG xa se deixara de traballar con el nos actos electorais, ante as sospeitas de que podería estar detrás dun intento de chantaxe a Mariano Raxoi cunha gravación sobre a vellez de Fraga.

Da etapa de Crespo como vogal de Portos chama a atención o gran número de adxudicacións a empresas hoxe imputadas no Gürtel polo pago de comisións. Especialmente dous contratos a dedo a Constructora Hispánica en 2004 nos que o Consello de Contas atopou graves irregularidades, malia que o PP insiste en que os auditores públicos non viron 'actos de responsabilidade fiscal'.

Tamén pagaron en negro as galegas de 1997

Sobre o financiamento ilegal do PPdeG entre 1996 e 1999, a Policía atopou pagos pendentes a dúas empresas xa coñecidas da trama (FCS e Special Events) e unha axencia de publicidade até hoxe descoñecida A-Uno Asociados. Os pagos en negro alcanzan as municipais de 1999 pero tamén as galegas de 1997, as terceiras que gañou Manuel Fraga.

O PPdeG teima en negar as probas de financiamento ilegal e asegura que as informacións sobre o 'Gürtel' en Galicia son un intento de importar “presuntos escándalos doutras latitudes” por parte da oposición.

O PP insiste en que é un 'suposto escándalo' importado

Onte PSdeG volveu a insistir en que Carlos Negreira (presidente de Portos cando Crespo era vogal e hoxe líder dos conservadores na Coruña), Rafael Louzán (quen presuntamente contratou a unha empresa da trama e líder do PP en Pontevedra) e o propio Núñez Feixóo deben dar explicacións no Parlamento.

O presidente do PP galego naquela época era Manuel Fraga e como número tres do partido na súa calidade de secretario de Organización figuraba Pablo Crespo, agora en prisión acusado de ser un dos xefe da trama Gürtel. A cúpula completábaa o secretario xeral, José Cuiña, falecido en 2007 e implicado en múltiples escándalos durante a súa traxectoria política.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río