Europa Press . A Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago presentou esta semana un traballo 'pioneiro' consistente na aplicación da tecnoloxía GPS a esta ruta de peregrinación. O presidente do colectivo, Celestino Lores, cualificouno como 'unha ferramenta de seguridade' para os peregrinos e confiou en que a Administración colabore no seu financiamento.
.
Coincidindo coa inauguración do Encontro de Hospitaleros del Camino Portugués, coa asistencia dunhas 70 persoas de Galiza e Portugal, un dos artífices deste traballo, o profesor da Universidade de Vigo, Rafael Barrionuevo, expuxo as vantaxes desta técnica. Entre elas destacan a posibilidade de indicar con exactitude as coordenadas dun punto en caso dunha emerxencia, ou acceder a información de utilidade relacionada co Camiño Portugués a través do teléfono móbil.
A realización deste proxecto supuxo un "traballo de campo" previo, explicou Celestino Lores, para "cargar nun programa unha serie de puntos xeográficos ao longo de todo o trazado, con información referente a centros sanitarios, farmacias, talleres, espazos naturais, establecementos hoteleiros ou locais de hostalaría".
Para o presidente da Asociación do Camiño Portugués, o GPS é "a guía turística do futuro" e mostrouse partidario da súa utilización por parte dos peregrinos, sen que o seu uso sexa incompatíbel coas publicacións tradicionais de papel. O resultado deste traballo "experimental" presentouse tamén no marco da Feira de Turismo Ferpalia, que se celebra en Pontevedra.
Descargar Tarifas