PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
A plataforma celebra mañá a súa asemblea
Xabier P. Docampo: 'ProLingua nace como resposta á política lingüística do PP'

M. Obelleiro Días despois das eleccións galegas do 1 de marzo e en resposta á política lingüística anunciada polo PP, xurdía 'ProLingua', unha plataforma en defensa do galego que se define como 'apartidaria, plural e sen personalismos'. O escritor Xabier P. Docampo (Rábade, 1946), un dos impulsores do colectivo, achéganos as claves de 'Prolingua', que celebra mañá a súa primeira asemblea –de carácter aberto–, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a partir das 11h30.

Reloxo 02.10.2009 | 07:00

Xabier P. Docampo Xabier P. Docampo

En que momento xorde “ProLingua”?

Decidimos crear “ProLingua” a principios de marzo en resposta á política lingüística que xa anunciara o PP. A celebración da manifestación en contra do galego –e á que asistiron sen rubor políticos deste partido– ilustrou a situación de ataque frontal aos dereitos da lingua e aos dereitos dos falantes.

Cales son as principais características da plataforma?

No momento da súa creación, decidimos artellar unha plataforma que reunise un mínimo de condicións para ser apartidaria, plural e sen personalismos. Que “ProLingua” sexa apartidaria non significa que sexa apolítica porque a intención é influír na política lingüística da Xunta. Pola outra banda, a lingua non lle pertence a ninguén, só ao pobo galego, por iso a todos nós nos corresponde a defensa do galego. Polo de agora, formamos parte de “ProLingua” 800 persoas e, a partir da semana que vén, seremos moitos máis.

Cales son os obxectivos de “ProLingua”?

Reivindicamos que se cumpra a lei e que se garanta o status real da lingua propia de Galiza. Existe unha lingua maioritaria que conta con todas as beizóns, que ninguén atacou nunca e que mesmo conta coa meirande parte dos medios de comunicación ao seu favor. Podemos comprobar como hai medios privados subvencionados con cartos públicos e que non benefician en absoluto o galego, senón todo o contrario. Nós queremos que o galego acade un status semellante ao do castelán –que goza dunha situación vantaxosa malia non ser o noso idioma propio–. Hoxe en día, non se está a dar a verdadeira cooficialidade.

En que consistirá a asemblea do sábado?

Abordaremos polo miúdo cales son os nosos obxectivos, o sistema de organización e os camiños de financiamento –pechamos a porta a calquera tipo de subvencións públicas e privadas. Tamén artellaremos e discutiremos as liñas de acción que desenvolveremos ao longo dos anos, xa que “ProLingua” non é un proxecto conxuntural, durará o tempo que sexa necesario até lograr o status real do galego como lingua propia de Galiza.

“O PP non ten convencidos a todos os que pensa que ten convencidos”

Entre os asinantes de “ProLingua” hai militantes do PP como Rafael Cuíña.

En “ProLingua” buscamos que se visualice a defensa do galego con independencia do partido en que milite cadaquén. Esperemos que o feito de se manifestaren a prol do galego non sexa motivo de represalia e ostracismo por parte de ninguén. Somos máis os que dun ou doutro xeito defendemos o galego –independentemente do idioma que un fale– que os que se afanan en que desapareza ou en que se vexa como algo folclórico. Puidémolo ver comparando na que se atacou o galego –onde participaron unhas 3.000 persoas– coa manifestación na que se defendeu –onde participamos unhas 30.000–. Se o Goberno non o quere ver... O que si teño claro é que non teñen convencidos a todos os que eles pensan que teñen convencidos.

Como ve a política lingüística que está a desenvolver a Xunta?

Cando teñen a máis mínima oportunidade, atacan a lingua. Á mínima buscan un motivo para quitarlle ao galego os poucos dereitos cos que conta. A modificación da Lei da Función Pública, a derrogación do decreto que regula o uso e promoción do galego no ensino, o castelán na Administración... e nos últimos días regresan co debate da toponimia da Coruña. Esta situación require accións e respostas. Cómpre cargármonos de optimismo e decatarnos de que podemos, porque somos máis, temos razón e non mentimos.

“Vexo as outras plataformas como irmás e mesmo formo parte delas”

Como é a convivencia entre as distintas plataformas creadas para promover o galego?

Persoalmente, vexo as outras plataformas como irmás e mesmo formo parte delas. Paréceme ben que se creen outros colectivos que coinciden coa defensa da lingua, así cada galego poderá atopar o lugar no que se sinta máis cómodo. Nós non competimos, nin replicamos nin repetimos o de ninguén.

Entón, garante a unidade entre as distintas entidades.

A unidade en defensa do galego está absolutamente garantida. Eu vou participar sempre nos actos de defensa da lingua independentemente de quen os convoque. O día 18 estarei na manifestación organizada por “Queremos Galego”. Por outra banda, nunca vou promover nada que poida resultar un atranco para outra plataforma en defensa da lingua.

No manifesto da plataforma, sinalan que “nunca se sumará como “ProLingua” a ningunha acción allea”. A que se debe?

Autoexcluímonos como colectivo de participar en accións non promovidas por nós para que todo o mundo poida sentirse cómodo e actuar conforme queira cadaquén.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río