M. V . O líder do PP de A Coruña rexeita as acusacións da oposición de estar implicado no caso Gürtel asegurando que el non traballaba para o partido en 1999. Pero as críticas de BNG e PSdeG céntranse en 2004, sobre as adxudicacións que firmou Negreira como presidente de Portos. Sobre elas Negreira esgrime que non se atoparon 'feitos constitutivos de responsabilidade contábel'.
O deputado argumenta que el traballaba “nun medio de comunicación” en 1999, en referencia ao seu paso por La Voz de Galicia como asesor xurídico. Este é o ano no que a Policía atopou pagos en negro do PPdeG á empresas da trama Gürtel, que daquela organizaban as campañas conservadoras. A oposición acusa a Negreira por feitos de 2004, non de 1999 cando traballaba en La Voz Con todo, tanto PSOE como BNG non acusan a Negreira de estar involucrado nestes pagos, revelados por unha carta de Álvaro Pérez 'El Bigotes' a Mariano Raxoi reclamando o abono dunha débeda. As acusacións da oposición céntranse en dúas adxudicacións a dedo de Portos de Galicia a Constructora Hispánica, imputada por tráfico de influencias no caso Gürtel, en 2004. O Consello de Contas alertou de “a utilización inxustificada do trámite de urxencia” e a “ausencia de licenzas de obra” nas adxudicacións. É máis, o informe de Contas, revelado por ANT, relata que Hispánica gañou unha das adxudicacións unicamente grazas a que o xurado a escolleu sen explicar porqué. Foi nun concurso onde as catro candidatas sacaron exactamente a mesma puntuación. Contrato a dedo e sen argumentar Trátase do concurso de case un millón de euros para o peirao de Ribadeo. Sobre el os contábeis escribiron que “as catro empresas finalmente baremadas obteñen todas a mesma puntuación final do concurso. Son Copasa, Davila lago s.a., Oys, Noroeste e a UTE Bardera e Constructora Hispánica. A mesa de contratación propón a esta última (Hispánica) como adxudicataria por considerar a súa oferta como a máis vantaxosa no seu conxunto, sen precisar ningún outro criterio para tal apreciación”. Daquela Negreira era presidente de Portos e Pablo Crespo, en prisión como número dous da trama Gürtel e número tres do PPdeG en 1999, vogal. O superior de ámbolos era o actual presidente da Xunta, Nuñez Feixóo, como conselleiro de Política Territorial. Feixóo mantivo a Crespo como vogal até a chegada do bipartito. Negreira alega que non hai "feitos constitutivos de responsabilidade contable" Hoxe Negreira cualificación de "mentiras" e demandou "desculpas" polas acusacións vertidas pola oposición en base ao informe revelado por A Nosa Terra. Negreira asegura que o Tribunal de Contas decidiu a non incoación de xuízo contábel porque non existen "feitos constitutivos de responsabilidade contable". "É o punto final a unha trama chea de mentiras", sentenciou Negreira, en relación ao que o voceiro do PP cualificou dunha política de "engano e difamación" que, ao seu xuízo, é propia dun país "tercermundista". Por todo iso, Negreira insistiu en que tanto Manuel Vázquez como Mar Barcón, líderes do PSdG deben "rectificar en público", ao tempo que aproveitou para recordar que é "lamentábel" que se xogue dese xeito "coa honra das persoas", recolle Europa Press. "O tempo pon cada un no seu sitio", di un Negreira que argumenta que os cidadáns colocaron o PSdeG "na oposición", mentres que o PP é "o partido preferido polos galegos".
Carlos Negreira, deputado do PP e ex presidente de Portos de Galicia.
Descargar Tarifas