Dirixido por Xemma Sesar
35 anos de historieta galega en documental
Redacción .
O 13 de maio estréase na sala Mozart do Auditorio de Galicia, en Compostela, o documental '35 anos de Historieta galega', que traza un percorrido pola historia do cómic dende os anos setenta até a actualidade.
08.05.2008 | 12:10
Dirixido por Xemma Sesar, o documental analiza a historieta galega dende Raimundo Patiño até o bo momento que atravesa na actualidade, a través dos seus protagonistas. O traballo, producido pola TVG, El Patito Editorial e TVSiete, emitirase na canle pública galega o Día das Letras.
Cunha duración de 55 minutos, a película arranca a principios dos 70 cos recordos de Xosé Díaz, Pepe Barro e Luís Caparrós sobre a figura de Reimundo Patiño, o primeiro artista galego que empregou a linguaxe do cómic nas súas obras, e o Grupo Castro.
Os testemuños de Xan López Domínguez, Fran Jaraba e Miguelanxo Prado sobre a creación da revista Xofre irán mergullando ao espectador nos primeiros anos da época underground, vivida na década dos 80, que tivo como protagonistas a Víctor Ferreira, Fausto Isorna, Manuel Lourenzo, Víctor Aparicio, Pedro Sardiña e Arturo Regueiro e que deixou pegada en revistas como Coordenadas e Valiundiez. Outra publicación senlleira desta etapa foi Can sen Dono. Os seus creadores, Pepe Carreiro e Gogue lembran na película o seu papel.
A ponte cara aos 90 pona Frente Comixario, da que falarán Miguel Carballo, Xico Paradelo, Miguel Robeldo e Moxon. No documental tamén participan Benito Losada, organizador das Xornadas de Ourense, que lembra os vinte anos do festival.
A segunda parte do documental bota unha ollada á última década do cómic galego. Así, fai parada na creación Viñetas desde o Atlántico da man de Miguelanxo Prado e Carlos Portela, así como no nacemento de Golfiño e a súa importancia para a historia da banda deseñada galega coas reflexións de Fausto Isorna, Miguel Vázquez Freire, Tucho Calvo, Fran Bueno, Jacobo Fernández, Miguel Robledo, Kiko da Silva, Norberto Fernández e Xermán Hermida. O documental tamén bota unha ollada a revista BD Banda e fai unha análise sobre o boom que atravesa o cómic na actualidade.