PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
HISPÁNICA TAMÉN CAMBIARÁ DE NOME
A construtora do Gürtel galego ponse á venda

Manuel Vilas O Consello de Contas atopou graves irregularidades en dúas adxudicacións a dedo de Portos de Galicia a Constructora Hispánica en 2004. O dono desta firma, Alfonso García Escudero Asíns, está imputado no Gürtel por presuntamente pagar comisións ao PP a cambio de contratos. O directivo acaba de poñer á venda a súa construtora a través da consultora Deloitte.

Reloxo 30.09.2009 | 07:14

Carlos Negreira, deputado  líder do PP na Coruña e ex-presidente de Portos de Galicia Carlos Negreira, deputado líder do PP na Coruña e ex-presidente de Portos de Galicia

Así o adiantou o xornal económico Expansión, quen vincula a venda coa continua publicación de noticias sobre a implicación de Hispánica no presunto financiamento ilegal do PP en Madrid e Galiza.

Hispánica pretende cambiar de nome

O diario tamén apunta que Escudero deixou o seu cargo tras ser imputado por tráfico de influencias, malia que mantén o control das accións. Expansión prevé que Hispánica cambiará de nome no caso de que logre ser vendida.

A firma buscaría así deixar atrás os titulares sobre o preito aberto polo financiamento ilegal do PP. Hispánica está acusada de pagar 1,6 millóns de forma fraudulenta a Francisco Correa, líder da trama xunto co ex-número 3 do PP galego Pablo Crespo Sabarís, a cambio de adxudicacións en concellos madrileños.

BNG e PSdeG tamén pediron onte explicacións sobre contratos que lle deu a Xunta do PP a Hispánica. En concreto, dúas adxudicacións de Portos de Galicia en 2004, cando o ente estaba presidido polo hoxe líder do PP da Coruña, Carlos Negreira. O recluso Pablo Crespo era vogal por designación de Alberte Núñez Feixóo, daquela conselleiro de Política Territorial.

Adxudicacións de Portos por urxencia e sen licenza

A oposición basea as súas denuncias na auditoría do Consello de Contas en 2004 desvelado por A Nosa Terra. Nel, os contábeis públicos denunciaron “a utilización inxustificada do trámite de urxencia” e a “ausencia de licenzas de obra”.

É máis, Contas alertou de que Hispánica gañou unha das adxudicacións unicamente grazas a que o xurado a escolleu sen explicar porqué. Foi nun concurso onde as catro candidatas sacaron exactamente a mesma puntuación.

Contrato a dedo e sen argumentar

Trátase do concurso de case un millón de euros para o peirao de Ribadeo. Sobre el os contábeis escribiron que “as catro empresas finalmente baremadas obteñen todas a mesma puntuación final do concurso. Son Copasa, Davila lago s.a., Oys, Noroeste e a UTE Bardera e Constructora Hispánica. A mesa de contratación propón a esta última (Hispánica) como adxudicataria por considerar a súa oferta como a máis vantaxosa no seu conxunto, sen precisar ningún outro criterio para tal apreciación”.

Máis puntuacións subxectivas que obxectivas

Contas vai incluso máis alá e denuncia que “as empresas que concorreron ás licitacións dos contratos de obras foron, en xeral, as mesmas en tódolos concursos”. Nas resolucións os contábeis atoparon “puntuacións (...) que aparecen máis como apreciacións subxectivas que como consecuencia directa da aplicación de elementos obxectivos”. Así figura na auditoría do ente fiscalizador da Xunta ás contas de Portos en 2004.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río