Redacción . A Secretaría Xeral Familia e Benestar da Xunta de Galiza confirmou no Parlamento que o Goberno de Alberte Núñez Feixóo non vai poñer en marcha un servizo público de atención domiciliaria de nenos e nenas que iniciara o bipartito e seguirá coa política anterior de acordos con asociacións.
A Xunta acorda prescindir do Servizo de Canguros
En resposta a unha pregunta da deputada do BNG Ana Pontón, Igualdade ratificou que non recuperará o programa de canguros creado polo bipartito. A viceportavoz parlamentar nacionalista lembrou que o BNG desde a Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar licitou o 6 de febreiro do presente ano un concurso público para adxudicar a prestación dun servizo de atención domiciliaria á infancia para o coidado de menores de 12 anos.
Tratábase dun proxecto piloto en catro áreas das catro provincias, que abranguía 39 concellos, e cuxo importe ascendía a 534.800 euros. A deputada do BNG precisou que “dado que o prazo para adxudicar este concurso coincidía coa etapa do Goberno en funcións, por lealdade institucional a Secretaría Xeral de Igualdade acordou o 15 de abril suspender temporalmente a adxudicación do mesmo para que o fixera o novo Goberno”.
Con todo, Pontón denuncia que o Goberno do PP, a través da Consellaría de Traballo e Benestar “decidiu o pasado 19 de agosto, aproveitando o período estival, desistir deste procedemento”, alegando que “levar a termo este contrato non é un obxectivo necesario dentro das políticas que desenvolve na actualidade a consellaría correspondente”.
“Hipocrisía do PP”
Para a deputada do BNG a decisión da Xunta de Galiza de suprimir a posta en marcha dun servizo de canguros “demostra que o Goberno de Feixóo non acredita nos servizos sociais e tampouco nas políticas de igualdade”.
Ademais, denunciou que a decisión do Goberno de Feixóo “demostra a hipocrisía do PP xa que mentres presume de defender a familia, logo adopta decisións coma esta que van en contra das mulleres, da conciliación da vida familiar e laboral e da corresponsabilidade”.
En canto ao motivo esgrimida pola Directora Xeral de Familia e Benestar de que o concurso non era legal porque se limitaba a 39 concellos, a parlamentaria nacionalista replicou que “a decisión de desestimar o proxecto é política, non hai ilegalidades porque o proxecto recibira o visto bo da Asesoría Xurídica da Xunta”. “Loxicamente –explicou–, ao tratarse dun proxecto piloto, centrábase en catro áreas de Galiza, pero se o problema é ese que o actual Goberno da Xunta o estenda a toda Galiza”.
Descargar Tarifas