PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Empresario e militante do PPdeG
Rafael Cuíña: ‘Estarei na manifestación a prol do galego’

M. Obelleiro É militante do PPdeG e confesa que non lle preocupa que o definan como nacionalista. Rafael Cuíña (Lalín, 1972), membro da plataforma 'ProLingua', confirma que asistirá a manifestación convocada por 'Queremos Galego' o vindeiro 18 de outubro en Compostela. 'Estou a favor de calquera movemento que defenda o idioma', asegura. Nesta entrevista, o fillo do histórico dirixente do PPdeG, Xosé Cuíña, debulla a súa visión sobre a situación do idioma.

Reloxo 29.09.2009 | 08:10

Rafael Cuíña, fillo de  Xosé Cuíña, é saudado por Feixóo, nun recente acto electoral Rafael Cuíña, fillo de Xosé Cuíña, é saudado por Feixóo, nun recente acto electoral. FLICKR/PP “Queremos Galego” convidou os votantes do PPdeG a unirse “ao desacordo co ataque á lingua”. Como militante do partido vai asistir á manifestación do 18 de outubro?

Por suposto, sempre e cando non mo impida nada ese día. Eu formo parte da plataforma “ProLingua”, que a nivel asociación non vai participar –tal e como recolle o manifesto–, pero a nivel individual apoiamos a convocatoria ao 150 por cento. Manifestándome non vou en contra de ninguén senón a favor do galego. Eu asisto a calquera movemento que defenda a nosa lingua. É máis, cando “Queremos Galego” se constituíu na comarca do Deza tiña pensando asistir á asemblea aberta, pero finalmente resultoume imposíbel ir.

Como ve o conflito lingüístico creado nos últimos tempos?

Véxoo con preocupación. Estou preocupado por como inflúe na política lingüística un grupo de presión como Galicia Bilingüe, pero á vez teño a seguridade de que xente da capacidade de Anxo Lorenzo –secretario xeral de Política Lingüística– resistirá estes embates. Penso que Lorenzo vai ser quen de artellar un bo decreto que regule o uso e promoción do galego no ensino co que esteamos de acordo.

Que lle parece o decreto que está en vigor hoxe en día?

A min non me asusta en absoluto. Hai quen di que con este decreto tratábase de “impoñer”, pero considero que este decreto o que fixo foi “poñer”. Na actualidade, o castelán aparece constantemente ao noso redor, nos medios de comunicación, na sociedade... ninguén vai ter problemas en aprendelo. En cambio, co galego acontece todo o contrario. Con todo, existen o que eu chamo “pseudoelites” que están preocupadas por que os seus fillos e fillas se formen en castelán. Pola contra, no rural non existe o debate da lingua. Falamos galego sen ningún complexo.

'Non me preocupa que me chamen nacionalista'
Nos seus estatutos, o PPdeG defínese como un partido galeguista. É galeguista o PPdeG actual?

Eu teño denunciado que non se practica ese galeguismo, pero no PPdeG hai un espectro moi amplo. Eu diferencio entre galeguistas e populistas. Estes últimos din que son galeguistas e, en realidade, non o son. Con todo, quero subliñar que na militancia do PPdeG hai moita xente que se sente realmente galeguista, que ama o idioma, que non o marxina e que é consciente de que é un ben que hai que coidar.

E vostede, como se define dentro do PPdeG?

Hai uns días sentinme aludido polas declaracións que fixo a presidenta de Galicia Bilingüe nunha entrevista. Ela dicía que “hai xente que pensa que é galeguista, pero é nacionalista”. Gustaríame apuntar que non só non me preocupa, se non todo o contrario.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río