O Areoso. Cando un verte palabras na rede nunca sabe ben o alcance que van ter. O máis normal é que non teñan ningún, para que nos imos enganar. Pero de vez en cando ocorren cousas especiais, como a que me pasou a min o pasado mes de agosto na Arousa.
Xa me dixeran que preguntaran por min, pero o encontro foi casual. Recoñecéronme na rúa, de camiño ao Chufre, pola foto do sorriso conxelado deste blog (xa teño ganas de cambiala, por certo). Así coñecín unha familia medio viguesa medio “carcamana”, que me levou ao Areoso na súa lancha, sabendo por un artigo meu que me gustaba coller cunchas bonitas no illote. A eles tamén.
Non lles dixen aos meus novos amigos que daquela excursión volvín coas pernas encarnadas, como unha inexperta e vulgar turista máis, que vai un día de verán ao Areoso e chamusca a pel. Estiven dando fregas de aloe vera toda a semana para baixar o ardor. Pero non me importou, valeu a pena.
“Cargols”. Aínda non conseguín vencer a resistencia, cultural e aprendida, que me provocan os caracois, e iso que por estas terras pasan por un manxar. A primeira vez que mos puxeron na mesa estaban preparados “a la llauna”, receita campestre para sibaritas, que ten a particularidade de honrar un elemento particular do caracol, a baba. Colócanse os bechos enriba dunha bandexa, sálganse con xenerosidade e ásanse con lume forte no forno ou na grella. O resultado á vista é un caracol cuberto de verdosas babas gratinadas. Probeinos por cortesía, nada máis.
A segunda vez, os caracois viñan cocidos e limpos de babas, cunha salsa “all i oli” para mollar. Cominos con mellor disposición, pero sen me chegar a entusiasmar. Aínda houbo unha terceira ocasión, caracois con rustrido de tomate e xamón. E volvín repetir os mesmos pasos: metín o palillo pola abertura da cuncha, reflexionei ante os cornos tesos do molusco, acordeime de cando de pequena apañaba caracois e llos vendía a 60 pesetas o quilo á Siña Pepita, retireille as vísceras ao becho e mastigueino sen moito convencemento. “Pero se ti comes caramuxos, como non che van gustar os caracois?”. “Home, non vaias comparar. Os caramuxos son do mar”. E os caracois son da terra e saben a fungo e a humus.
Descargar Tarifas