M. V . O novo Plan Acuícola que pretende aplicar o PP entregará medio millón de subvención por cada emprego directo creado. Así o denunciou esta mañá o Grupo Parlamentario do BNG, que demandara unha moratoria para a construción de novas granxas a través dunha Proposición Non de Lei (PNL).
O deputado Bieito Lobeira atacou o “hiperbólico” volume de axudas ao sector acuícola. Cómpre lembrar que, segundo calculou ANT, só dende 2004, a Xunta convocou máis de 159 millóns de subvencións á acuicultura mariña. Un cálculo aproximado mostra que, por cada posto de traballo nas piscifactorías actuais, houbo case 400.000 euros de axudas directas. Os nacionalistas cualifican o novo proxecto de Plan Acuícola de “política industrial tercemundista e colonial onde as empresas poden facer o que queren”. Cómpre lembrar que o Consello da Xunta xa reservou 140 millones de euros de fondos europeos para subvencionar as granxas. Para Lobeira o obxectivo do Goberno é favorecer a empresas “amigas” de Alberto Nuñez Feixóo. Entre elas citou repetidamente a Pescanova, beneficiara da decisión da Xunta do PP de retomar a macrogranxa de Touriñán, eliminada polo bipartito por estar en Rede Natura. O parlamentar tamén lembrou que a Consellería de Rosa Quintana autorizou a ampliación da granxa de Oia. Unha instalación dunha filial de Pescanova que ten sentenza firme de derrubo por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TXSG). A alternativa expresada na PNL, presentada en rolda de prensa esta mañá en Santiago, pasa por unha moratoria que impida facer novas granxas. O paro permitiría un diálogo entre ecoloxistas, industria, concellos e Xunta para chegar a un pacto que permita “seguridade xurídica” aos investimentos (TSXG). Cómpre ter en conta que o TXSG declarou ilegal os plans acuícolas do bipartito e do anterior Goberno do PP.
O Grupo Parlamentar do BNG na rolda de prensa.
Descargar Tarifas