PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
BLOG XURXO ESTEVEZ
Xurxo
Estevez
Voan os tranvías?
 18.09.2009 | 17:40

Praza no Chiado Praza no Chiado. Xurxo Estévez

Pregunta accesoria, todo mundo sabe que, en determinadas circunstancias, os tranvías voan, como explica o especialista en ciencias sobrenaturais José Saramago, no mellor libro do mundo, o “Memorial do convento”, e que me desculpe o “El País”, que leva unha tempada enrabechado.

Tal vez teña razón Berlusconi e o grupo PRISA escomenze pronto a entrar en pérdidas, non lles saíu o da TDT dixital coa que contaban, xa non está Felipe González para regalarlles a televisión de pago, orixe da súa fortuna multinacional, e Zapatero ten unha estratexia milimetricamente planificada para erguer o seu propio grupo mediático, faltaría mais, viuse algunha vez que os políticos non aproveitasen o poder para lanzar e financiar seus xornais, radios, TVs e conglomerados multimedia?

Pois si, viuse, durante o tripartito perdeu o Bloque unha excelente ocasión para inxectar moitos millóns  de euros na creación dun artello mediático, tarefa tan importante para a construción nacional do país como mobilizar milleiros de persoas o 25 de xullo, organizar sindicatos, alcanzar alcaldías, eurodeputados e grupos parlamentarios.

Que ían esbardallar os neofalanxistas peperos e os liberalsocialistas, denunciando o “nepotismo” nacionalista que barre para casa na subvención aos meios de comunicación? O ruído estaba garantido de antemán, se había que escoitalos igual, porque non darlles un bo motivo? E que ninguén me diga que non tiñan competencias, nesa encomenda podían entrar todas as consellerías.

O que é un escándalo é que as Vozes de Galicia diversas sigan chupando do bote para fabricarse noticias sobre cadeiras de luxo, paseos en iate e coches blindados que conseguen derrubar gobernos.

A propósito, tiña un “post” deste blog escrito xa e que non tiven tempo de colgar no que arriscaba unha adiviña: os blindados e Audis de Feixoo, na maioría adquiridos durante a era Fraga,  acabarán en familias populares a prezo de ganga. Esta mañá pareceume ver ao director da Voz no famoso coche blindado acó polo Chiado de Lisboa, acompañado dos “especialistas” económicos que veñen de aconsellar que se suban os impostos indirectos. Ou sexa, o IVE que pagamos todos os malpocadiños de a pé en cada compra, porque as grandes fortunas tributan só o 1% das ganancias (non do capital, só das ganancias) nas súas Sociedades de Capital Variábel.

A propósito, o obxecto deste “post” é comunicar aos amábeis leitores e leitoras do blog que xa non “vivo debaixo da ponte e vou traballar en tranvía”, trasladeime ao Chiado e non se pode pedir máis ás fadas que decidiron que a miña humilde persoa e meus trebellos ascendésemos a un dos recunchos máis fermosos que a sabedoría da natureza e o amor humano foron capaces de fabricar en soños de ladrillo, madeira e cerámicas chinesas, levantados do chan para soportar terremotos desde épocas anteriores ao tsunami da burbulla inmobiliaria.

Polo Chiado tamén pasa o tranvía e vai a todas partes. Non se trata sómente de un saudosista itinerario turístico, os “eléctricos” de Lisboa son un meio de transporte real e utilitario que se resisten a abandonar as rúas ao monopolio fordiano, teimudos. Se vindes, propóñovos un  exercicio: subide ao 28E, aquí no Chiado, e deixádevos guiar por algun-algunha condutora suicida até o alto da Graça. Se desde as xanelas abertas do tranvía centenario non notades que se vos cambia a vida un chisquiño, se unha alegría permanente non invade cada célula do voso corpo, se a vosa presencia sobre este ignoto planeta que habitades non vos semella un regalo surrealista, devólvovos o diñeiro do billete.

Como o Chiado descansa -máis ben, se axita- na parte alta da cidade, o enxeño lisboeta inventou unhas cantas tretas arquitectónicas para superar as encostas. Temos o elevador de Santa Justa, obra que algúns adxudican, inxustificadamente, ao mesmísimo Gustav Eifel, e temos unha manchea de escadas, das que vos recomendo as da Calçada do Duque. Todas elas desembocan en miradoiros que, como dicía Saramago na súa última novela, polo de agora, “A viagem do elefante”: “…quanta verdade há na conhecida frase, Faltam-me as palavras. Efectivamente faltam-nos as palavras… A verdade, se quizermos aceitá-la em toda a sua crueza, é que, simplesmente, não é possível descrecer uma paisagem com palavras. Ou melhor, ser possível, é, mas não vale a pena”.

Dado que en Lisboa conviven armónicamente a tradición coa modernidade –debate ese tan noso, non si?- Álvaro Siza facilitounos a vida aos do Bairro Alto proxectando as escadas mecánicas da estación de metro da Baixa-Chiado. Como a balea de Melville, esas escadas engúlenos abaixo, nas rúas trazadas a escuadra e cartabón que arrancan das tres grandes praças –Rossio, Figueira, Restauradores-, dixérennos polos corredores brancos das liñas azul e verde da rede metropolitana, nas entrañas da terra  e cúspenos para fora xa no alto, fronte ao Café “A Brasileira” e á famosa estatua de Fernando Pessoa, a carón da “Pastelaria Benard”, ao lado do Teatro São Luis, a uns metros do Carmo e de mil marabillas máis.

Mais nunca dantes puido inventar un artefacto tan útil e belo a enxeñaría poética como o Elevador da Bica, outra maneira de ascender ás portas do ceo do Chiado nun “eléctrico” de curto percorrido.

Aos tranvías lusitanos aínda ninguén, mestre ou menciñeiro, lles explicou que os dinosauros desapareceron hai xa décadas, por mor do impacto dunha cometa calquera que traía consigo algúns materiais extraterrestres, substancias elas super frikis cos que se fabrican hoxe os Audis blindados e outros Aliens, as TDTs, os ElPaíses e as súas Vozes, as Sociedades de Capital Variábel e até mesmo os terremotos que, de douscentos en douscentos anos, veñen por acó, a visitar o Chiado.

Todos estes marcianísticos temas ocuparán noso blog durante este curso que alborece.





 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río