Redacción . Os votos en contra do PP impediron que o Parlamento, a iniciativa do BNG, lle esixa á CRTVG o cumprimento da lei, que lle obriga a promover e difundir a música galega. A proposta dos nacionalistas pedía manter na programación da radio, como mínimo, un espazo diario adicado a este fin.
Xurxo Souto.
A deputada do Grupo Parlamentar do BNG Ana Pontón defendeu a proposición non de lei toda vez que a primeira decisión da nova dirección da Compañía foi a eliminación do espacio “Aberto por Reformas”, “un programa que levaba tres anos emitíndose –lembrou – e que abriu por primeira vez a radio pública á música deste país”.
A parlamentar explicou que tras a decisión se agocha, non só o incumprimento do mandato legal de programación, senón tamén un “sectarismo moi forte” ao proceder ao despido fulminante do conductor dese espazo, malia ter traballado dende hai anos en diferentes equipas da radio pública.
“Acoso e derribo” contra o galego
Para Pontón, é máis que evidente que se produciu unha reorientación do programa na liña contraria ao que debía ser, é dicir, agora estase a promover e difundir a música doutras latitudes e diluir a cultura propia de Galiza, “o que engarza con claridade coa liña de acoso e derribo que o goberno do PP encetou contra o galego”.
Neste sentido, lembrou que a música galega non está en igualdade de condicións que as outras músicas, de aí que fose tan necesario e positivo un programa como “Aberto por Reformas”, que se constituiu nun escparate excepcional para darlle difusión a boa parte desa produción galega.
Pontón fíxose eco, de feito, do Manifesto contra a censura e a marxinación da música galega asinado logo da suspensión do programa e reiterou que a nova programación comete un “erro gravísimo” residualizando esta música.
A parlamentar do BNG concluíu lamentando o voto en contra do PP e que en tres meses o balance da CRTVG sexa o da censura, non só na radio, e referiuse á documental das vacas tolas e á intervención do presidente da Real Academia Galega criticando a política lingüística da Xunta.
Descargar Tarifas