PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
Haberá un quinto título a finais de ano
Catro novos títulos para a Biblioteca de Teatro

Redacción .  Son 'Manual de práctica teatral feminista', de Elaine Aston, 'A expresión dramática na educación', de Gavin Bolton, 'Teatro occidental: unha historia teatral desde a escenografía', de Anne Surgers, e 'Manual básico de iluminación escénica' de Antonio López-Dávila.

Reloxo 15.09.2009 | 12:48

Víctor F. Freixanes, Roberto Varela, Xoán Carlos Fasero e Manuel F. Vieites Víctor F. Freixanes, Roberto Varela, Xoán Carlos Fasero e Manuel F. Vieites. L.R.

Presentáronos esta mañá no Salón Teatro, en Compostela, Roberto Varela, conselleiro de Cultura, Juan Carlos Fasero, xerente da AGADIC, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática Galega e coordinador da colección. A colección "Biblioteca de Teatro", que publican en réxime de coedición a AGADIC e a Editorial Galaxia, suma así 23 os libros publicados nas tres series (Grandes Manuais, compendios de autoría galega que afondan pormenorizadamente nun tema, Manuais, que verte ao galego estudos de prestixio internacional, e Breviarios, onde se publican investigacións e manuais de autoría galega) das que consta esta colección, que nos seus oito anos de existencia converteuse xa nunha referencia a nivel peninsular no ámbito dos estudos teatrais.

Novos números

Trátase dos números 10, 11 e 12 da serie "Manuais", e do número 9 da serie "Breviarios": Manual básico de iluminación escénica, de Antonio López-Dávila, que recolle os aspectos básicos da iluminación teatral, prestando atención especial a elementos básicos como as fontes de luz e os procedementos para o seu manexo e control.

Elaine Aston, profesora de creación teatral contemporánea da Universidade de Lancaster, ofrece no seu Manual de práctica teatral feminista unha guía para creadores escénicos que aborda as diferentes maneiras de representar ou considerar o xénero. Cunha clara orientación práctica, está organizada arredor de tres eixes fundamentais: as mulleres no obradoiro, os textos dramáticos e os contextos femininos, e o xénero e os procesos de creación.

En A expresión dramática na educación. Argumentos para situar a expresión dramática, Gavin Bolton –un dos máis destacados especialistas ao respecto no ámbito anglófono– estuda a relación entre expresión dramática e aprendizaxe cunha perspectiva histórica, dende os inicios do século XX até principios da década de 1980. Afonda na expresión dramática a partir das súas dimensións de ferramenta educativa e de experiencia estética, considerando os vínculos entre ambas as dúas.

Teatro occidental: unha historia teatral desde a escenografía ofrece un percorrido polos vestixios que quedan dos tempos en que o arquitecto, o decorador ou o pintor aínda non recibían o nome de "escenógrafo", mais a súa colaboración era igualmente fundamental no deseño e materialización do espazo escénico. Para isto, a súa autora –Anna Surges, directora de investigación na Universidade de París III-Nova Sorbona– sérvese da análise de numerosos textos, debuxos, planos, gravados, pinturas e fotografías.

Por outra bandam para finais de ano, como salientou Manuel F. Vieites, estará listo un gran manual sobre a interpretación actoral, onde colaboraron máis de 25 persoas de diversos ámbitos relacionados co teatro (dirección escénica, investigación, formación...), "realmente fóra do común". O director da colección cualificouno de "bombazo" no mundo ibérico. 

Concurso público para a dirección do CDG

Para Varela, esta colección é un "modelo de coalboración e converxencia exemplar" entre dúas industriais culturais especialmente potentes: a editorial e a das artes escénicas. Sinalou a súa vontade de consolidar unha estrutura sólida e permanente neste último campo, e destacou que a isto responde a renovación en canto á dirección. "O concurso público é o mellor sistema para escoller a dirección do CDG", salientou, e referiuse a outras institucións parellas en Europa que empregan tamén este procedemento, "garantía de profesionalidade e transparencia". 

Respecto ao sector editorial, o conselleiro recordou que o 2010 será o Ano do Libro e da Lectura: "hoxe máis que nunca, o libro e a nosa industria editorial son xeradores de riqueza e de dinamismo, de sinerxía positiva cos demais actores culturais". Afirmou que o seu departamento impulsará "todas as iniciativas de promoción no exterior, todos os eventos internacionais, todas as medidas de apoio que fagan medrar a presenza e o empuxe do libro galego".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río