Redacción . O salón de actos da Fonsagrada acolle esta fin de semana a homenaxe a Vicente Fernández, 'o ferrerio da Porteliña' , como recoñecemento ao traballo deste veterano ferreiro, navalleiro e conservador do mazo, e agradecemento a súa disposición e amabilidade na transmisión de coñecementos a outros ferreiros da comarca.
A xornada do sábado 12 quere servir para dignificar e dar a coñecer a importancia do oficio de ferreiro na sociedade rural tradicional, e para xerar interese entre a poboación máis nova polo oficio, os recursos e o patrimonio do concello da Fonsagrada relacionados ca ferrería. Ás 16.30 presentarase a homenaxe para introducir media hora despois a primeira conferencia da tarde: "Ferrerías e mazos na montaña luguesa desde o século XVIII ao século XX", a cargo do catedrático de Historia Económica na Universidade de Santiago, Xan Carmona. A seguir será a quenda do catedrático de Historia Moderna Pegerto Saavedra, cun relatorio titulado "O traballo do ferro no concello de Burón nas idades moderna e contemporánea". As dúas achegas servirán de pórtico para a homenaxe a Vicente Fernández que comezará ás 19.00 cun perfil do ferreiro da Porteliña, trazado polo etnógrafo Pablo Quintana. A seguir haberá tempo para o recoñecemento público, con discursos das autoridades e institucións locais e do propio homenaxeado, e como peche, o grupo musical @s Frebud@s interpretará romances de cego da comarca. Xa o domingo, dende as 11.00, haberá unha ruta en autobús polos elementos máis representativos relacionados co oficio de ferreiro do concello (Ferraría do Vilar da Cuíña, Mazo da Porteliña, etc...). A homenaxe está organizada por unha comisión formada por membros de diferentes colectivos e entidades asturgalaicas., entre elas o Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada, Museo Etnográfico de Grandas de Salime (Grandas de Salime, Asturias), Asociación de Herreros "Consejo del hierro" (Taramundi, Asturias), Museo da Cuchillería de Taramundi (Taramundi, Asturias), ou o Concello de A Fonsagrada.
Vicente Fernández, o ferreiro da Porteliña
Descargar Tarifas