Na data do seu quinto cabodano
A Terra Chá lembra a Manuel María
Lara Rozados
.
A asociación Xermolos e a Fundación Manuel María organizan, o vindeiro 8 de setembro en Outeiro de Rei, 'Memoria da chaira enteira', no quinto cabodano de Manuel María.
06.09.2009 | 10:02
O poeta Manuel Maria. Paco Vilabarros
Logo do xantar, ás 15h00 , haberá un recital nas Penas das Rodas, e ás 18h, unha ofrenda floral no camposanto de Santa Sabela, a carón do Miño. Amais do rito da navalla, que este ano se lle entregará ao xornalista vilalbés Xulio Xiz, terá lugar un recital poético-musical, coa interpretación da obra de Manuel María por Miro Casabella, Mini e Mero e Tino Baz. A entrega da navalla é un rito derivado da afección do poeta chairego por estas ferramentas (sempre levaba unha no peto). Esta sorte de “comuñón laica” na súa memoria consiste en que, despois de cortarse o pan e o queixo coa navalla, as persoas asistentes beben un vaso de viño, e, a seguir, entrégaselle o coitelo a unha ou varias persoas en recoñecemento ao seu labor a prol da lembranza de Manuel María.
Amais, este ano o Instituto de Estudos Chairegos, tamén partícipe na homenaxe, edita unha escolma de artigos de Manuel María. “Son artigos publicados n’A Nosa Terra, de temática chairega, que sacamos nunha edición facsimilar”, explica Manuel Castro Santamariña, presidente do Instituto. O IESCHA celebrará no quinto cabodano do poeta o Día da Cultura Chairega, coa presentación do volume e unha actuación da banda municipal de Vilalba, no Auditorio desta localidade. “Estarán presentes Saleta Goi, viúva de Manuel María, e Manolo Roca, que levou boa parte do traballo de compilación”. “Alguén dicía que Manuel María foi o inventor da Terra Cha”, explica Castro, “e polo menos o inventor literario si que foi. Pero non só eloxiando a terra, a natureza e a paisaxe, tamén polo seu compromiso. É un referente a nivel literario e persoal”.