PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Política enerxética
Do 'amiguismo eólico' ao 'defecto de forma'

Xurxo González O PP limítase a anunciar a creación dunha nova lei que substitúa ao decreto do bipartito, pero non dá detalles sobre as supostas irregularidades cometidas polo anterior goberno.

Reloxo 06.09.2009 | 08:54

O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces [á dereita] e o conselleiro de Industria, Xavier Guerra. O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces [á dereita] e o conselleiro de Industria, Xavier Guerra.. AGN

Unha das promesas sobre as que o PP asentou a pasada campaña electoral era a derrogación do decreto eólico e a anulación do concurso polo que o goberno bipartito pretendía repartir 2.300 MW de potencia. A comezos do mes de agosto, cando remataba o simbólico período dos cen primeiros días de goberno conservador na Xunta, Xavier Guerra, conselleiro de Economía e Industria, anunciou o cumprimento deste compromiso.

Non obstante, o equipo de Feixóo non foi quen de derrogar o decreto do bipartito antes das vacacións, e semella que haberá que esperar meses até que comece a funcionar a nova política eólica galega. O último Consello da Xunta antes das vacacións de verán só puido aprobar un informe “polo que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental”. Este documento, segundo expertos en dereito administrativo, non pasa dunha declaración de intencións sen validez xurídica.

Aínda así, o conselleiro de Economía e Industria asinou unha resolución pola que suspende a tramitación do concurso. O obxectivo é aprobar canto antes unha nova lei. Con todo, o gabinete de Xavier Guerra indica que a autorización dos novos parques levarase a cabo, como moi cedo, a finais do segundo semestre do ano que vén.

Unha nova taxa substituirá a participación pública

Bernardo Tahoces, director xeral de Industria, argumentou que “a participación pública é unha tacha directa e infranqueábel”, que converte o concurso do bipartito en ilegal. Máis aínda, a fórmula do reparto como concurso público é inconstitucional segundo os conservadores. Esta última non deixa de ser unha opinión, xa que o predecesor de Tahoces no cargo, o economista Anxo Calvo Silvosa, publicou recentemente un artigo na revista Análise Empresarial na que explicaba polo miúdo o proceso seguido polo bipartito e defendía a legalidade do proceso. Ademais, non existen sentenzas xudiciais ao respecto. En canto á participación pública, está contemplada nas leis que se aplican en Navarra e Euskadi. Mesmo en Galicia hai pequenos parques municipais en mans de concellos.

Os parques eólicos non quedarán exentos da compensación á sociedade. O PP prevé que a nova lei eólica cree un novo imposto, chamado “canon ambiental”. A contía será fixa e dependerá do número de muíños. Así, un parque que non supere os tres estará exento. De catro a sete deberá pagar 2.300 euros por cada un. Se a instalación está composta por entre oito e 15 pagará 4.100 euros por unidade, contía que ascenderá até os 5.900 se supera esa cifra de aeroxeradores.

O BNG criticou a eliminación da participación pública. Fernando Blanco, ex conselleiro de Industria, lamentou que os argumentos que emprega hoxe a Xunta sexan os mesmos que utilizaron as grandes corporacións para meterlle presión cando desenvolvía o decreto. Pola súa banda, Xaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG no Parlamento criticou a implantación dun canon eólico xa que o PP se opuxo á aplicación do canon hidroeléctrico nos mesmos termos cando estaba na oposición.

Empresarios opóñense á nova política da Xunta
As principais reaccións entre os grupos seleccionados polo bipartito viñeron das cooperativas gandeiras e dos conserveiros, que vían no negocio eólico unha posibilidade de impulsar dous sectores importantes para a economía galega. Xosé Sancosmed, presidente da cooperativa láctea os Irmandiños, afectada pola paralización do concurso, explica que a viabilidade da mesma depende do negocio eólico. Cos réditos do mesmo as cooperativas asociadas en Ventos Cooperativos pretendían crear o xerme do ansiado grupo lácteo galego.

Xulio Bernárdez, un dos principais accionistas de Aucosa, que agrupa varias conserveiras, considera que o anteproxecto elaborado polo PP introduce poucos cambios respecto á norma do bipartito e “obedece a reivindicacións de grandes operadores”. Este empresario advirte de que a “os recursos xudiciais por unha ou outra banda poden paralizar o proceso”. Bernárdez conclúe que o conflito arredor do desenvolvemento eólico en Galiza “non deixa de ser unha disputa entre grandes promotores nacionais e mesmo multinacionais”.
 
Con todo, as consecuencias para o sector eólico e para outros implicados poden ser tan serias que mesmo causaron reaccións por parte da patronal de Lugo. Eduardo Ximénez, presidente da Confederación Empresarial Lucense, indicou que “non se remata de entender ben que unha cuestión que parecía totalmente dentro da legalidade teña que ser derrogada”.
 
Mesmo se pronunciou a Asociación Eólica Galicia, que usualmente se caracteriza pola prudencia. A derrogación do decreto causará, na súa opinión, a paralización do sector, falta de criterios obxectivos para seleccionar as ofertas e un canon inxusto imposto sen diálogo. Este colectivo teme que a nova lei “perpetúe vellos criterios discriminatorios”.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río