Redacción . A portavoz do BNG na Comisión de Igualdade do Parlamento Galego, Ana Pontón, denunciou en rolda de prensa que o Goberno do PP vén de suprimir o servizo público de atención domiciliaria a nenos e nenas que puxera en marcha a Xunta anterior.
Ana Pontón lembrou que o BNG dende a Xunta, en concreto a través da Secretaría Xeral de Igualdade, licitou o 6 de febreiro do presente ano un concurso público para adxudicar a prestación dun servizo de atención domiciliaria á infancia para o coidado de menores de 12 anos. Tratábase dun proxecto piloto en catro áreas das catro provincias, que abranguía 39 concellos, e cuxo importe ascendía a 534.800 euro. A deputada do BNG precisou que “dado que o prazo para adxudicar este concurso coincidía coa etapa do Goberno en funcións, a Secretaría Xeral de Igualdade acordou o 15 de abril suspender temporalmente a adxudicación do mesmo para que o fixera o novo Goberno”. Sen embargo, Ana Pontón denuncia que o Goberno do PP, a través da Consellaría de Traballo e Benestar “decidiu o pasado 19 de agosto, aproveitando o período estival, desistir deste procedemento”, alegando, tal e como se recolle na acta de desestimación que “levar a termo este contrato non é un obxectivo necesario dentro das políticas que desenvolve na actualidade a consellaría correspondente”. Para a deputada do BNG a decisión da Xunta suprimir a posta en marcha dun servizo de canguros/as “demostra que o Goberno de Feixóo non só non acredita nos servizos sociais, tal e como está a demostrar na sanidade, na educación ou nas políticas de benestar, senón que demostra que non acredita realmente na igualdade”. Ana Pontón subliñou que “o servizo de canguros/as ten moita demanda no noso territorio e cumpre unha función importante para que as mulleres poidan conciliar a vida laboral e familiar”. En concreto, lembrou que as causas que se estabelecían para a prestación deste servizo son enfermidade do/a menor que aconselle a súa permanencia no domicilio familiar; enfermidade das persoas coidadoras; alteración do horario habitual de traballo das mesmas ou situación de busca de emprego ou asistencia a cursos de formación das persoas coidadoras do/a menor. Ante esta situación, Ana Pontón anunciou a presentación dunha iniciativa do BNG no Pleno do Parlamento Galego pola que se insta á Xunta a que poña en marcha un servizo de atención domiciliaria á infancia antes do inicio do ano 2010. Asemade, o BNG esixirá en sé parlamentar que o Goberno de Feixóo informe das verdadeiras razóns polas que decidiu privar aos galegos e galegas deste servizo e que dea conta do importe co que compensou aos licitadores ou candidatos do concurso público desestimado.
Comedor dunha escola infantil.
Descargar Tarifas