Redacción . A fotografía do 'grupo de Boston', unha achega á figura do 'dandy', e os interrogantes sobre a produción de ficcións que formula Dora García son as propostas para este outono no Centro Galego de Arte Contemporánea.
Familiar Feelings. Sobre o grupo de Boston inaugúrase o próximo xoves 24 de setembro, con máis de 150 pezas e numerosa documentación sobre os integrantes da chamada Escola de Boston. Converteron en narrativa artística motivos cotiáns que até ese momento non tiveran interese, e as súas cámaras captaban un grao de intimidade pouco abordado até entón (personaxes da noite, vivencias de barrios marxinais, adiccións, afectos, experiencias sexuais, vida familiar). A súa obra tivo unha influencia fundamental nas prácticas artística de finais do século XX. O día da inauguración estarán presentes todos os artistas do grupo que seguen en activo: David Amstrong, Philip-Lorca diCorcia, Nan Goldin, Jack Pierson, Tabboo!, Gail Thacker e Shellburne Thurber. Na exposición, que ocupará a planta baixa e primeira do CGAC, convivirán fotógrafos do íntimo e cotián, coma Nan Goldin, cronistas da súa xeración coma David Armstrong, artistas que experimentan con novos achegamentos técnicos ao medio, coma Mark Morrisroe, as formulacións do romanticismo, integradas na imaxe contemporánea a través dun traballo melancólico coa memoria e o sentimento de perda de Jack Pierson, ou rexistros de manobras performativas no límite coas artes escénicas e a construción crítica da identidade sexual, coma no caso do pintor e transformista Tabboo! Tamén, e por primeira vez en Galiza, amósanse pezas dos precursores que nos EUA transgrediron o límite entre a vida e a obxectividade fotográfica, Diane Arbus e Larry Clark, artistas fundamentais do século XX. Onde van os personaxes cando remata a novela? É o título da exposición de Dora García (Valladolid, 1965) que se inaugura o 8 de outubro e ten como comisaria a Eva González-Sancho. Presenta sete obras (das que catro son integramente producidas polo CGAC) que nunca alcanzan a condensarse nunha forma definitiva; en realidade, o que se lle ofrece ao espectador son diversos "estados" de diferentes obras, das que non nos é posíbel predicir cal será a súa forma definitiva. As pezas mostradas parecen estar confabuladas para "enredar" ao museo e ao público nese eterno "devir", "transformación" ou, se se quere, "ficcionalización". Todas elas parecen pretender converter o aquí e o agora nunha serie infinita de posibilidades. Dora García interésase por aquilo que interpela a cada individuo, optando, baixo formas radicalmente conceptuais, por emitir mensaxes singularmente codificadas ou superpor narrativas á realidade que susciten unha relación específica con cada un dos visitantes. Inciden, logo, na comunicación entre o artista e o seu público: a arte xa non representa o mundo, senón que se converte en produtora de realidades, a miúdo ao límite da ficción, animándonos a experimentar co sentido unidireccional do cotián e analizando as pautas sociais de conduta. Volve o dandy E xa en decembro, o CGAC presenta Sur le dandysme aujourd'hui (Sobre o dandismo hoxe en día). Do manequín no escaparate á estrela mediática, un proxecto de "RMS" La Asociación. Os dandies son os protagonistas dunha exposición que recolle novelas, heroes dun pasado mítico, imaxes da nostalxia e figuras tráxicas do desexo. Moitos destes conceptos e estratexias pódense atopar na obra e nas actitudes dalgúns artistas actuais (Jeff Koons, Tracey Emin, Steven Shearer, Hernan Bas, Zak Smith, Joan Morey, Babak Ghazi,...) xa que a iconografía e os tema da literatura do dandismo seguen vivos. Sur le dandysme aujourd'hui estruturarase en tres partes, cada unha delas dedicada a un dos fitos na historia do dandismo e ao xeito no que cada unha das súas achegas influíron na arte das últimas décadas, afastándose da súa presentación tradicional que se centraba unicamente en construír unha xenealoxía da imaxe do dandy.
'Picnic on the esplanade', de Nan Goldin (1973)
1 / 2
Descargar Tarifas