Redacción . O Tribunal Supremo de Xustiza arxentino declarou inconstitucional castigar penalmente un adulto por consumir marihuana de forma privada, abrindo o camiño a unha modernización das leis sobre o consumo de estupefacientes que, nestes momentos, son moi represivas cos consumidores.
O fallo do máximo tribunal de xustiza arxentino, referido a un caso iniciado en 2006 por infracción da lei vixente sobre drogas, alcanza tanto á tenencia como ao uso de marihuana, sempre que sexa en baixas cantidades, o consumo non sexa ostensíbel e non represente risco para terceiros. "Cada individuo adulto é soberano para tomar decisións libres sobre o estilo de vida que desexa sen que o Estado poida intervir nese ámbito", dixo a Corte nun comunicado, reafirmando o artigo 19 da Constitución da Arxentina. O Supremo aclarou que "non ordenou a despenalización xeral do consumo de marihuana (...) non se expediu nin lexitimou o consumo con ostentación cara terceiros, nin aquel con intención de comercializar". O fallo vai na liña de medidas similares adoptadas en México, Colombia e Uruguai, mentres que o Brasil e Ecuador están en proceso de avaliación das súas propias iniciativas. A declaración da Corte Suprema arxentina pretende pór o foco sobre os traficantes en lugar dos consumidores de baixa escala e prepara o camiño para modernizar o paquete de leis sobre narcóticos, segundo o xefe de Gabinete, Aníbal Fernández. "Sentimos que estamos cambiando esta historia, indo cara un punto común onde todos vemos que esta política represiva xerada nos Estados Unidos durante a administración Nixon está sucumbindo", sinalou antes de coñecerse a sentenza.
Descargar Tarifas