Lara Rozados . Os socialistas galegos ofrécenlle un ‘pacto’ ao Goberno da Xunta para desenvolver o Plan de Acuicultura do 2008, coa fin de ‘facilitar o investimento de 300 millóns de euros e crear 2.000 postos de traballo no sector’.
Marisol Soneira, voceira de Pesca do Grupo parlamentario socialista.
A voceira de Pesca do Grupo parlamentario Socialista, Marisol Soneira, reiterou en rolda de prensa que o Plan Acuícola aprobado polo Consello da Xunta do 28 de agosto do pasado ano "é o legal e o vixente, e non ten nada que ver coa sentenza do TSXG a respecto do recurso interposto por unha empresa". Refírese ao recurso de responsabilidade patrimonial interposto por Insuíña S.L., á que pertence Pescanova, contra o acordo de goberno polo que o bipartito revisou o Plan Acuícola do 2005, co goberno de Fraga, un plan que era, segundo Soneira, "manifestamente ilegal". "Galiza ten un Plan Acuícola que está vixente, e temos que pórnos a traballar para non perder oportunidades", sinalou, e a seguir anunciou que "o PSdG se ofrece a colaborar co novo goberno no desenvolvemento deste plan". Advertiu da necesidade de ofrecerlles "seguridade e confianza" ás empresas acuícolas, e destacou o posíbel investimento de 300 millóns de euros e a creación de 2.000 postos de traballo que pensa que o Plan pode crear. "Sería unha irresponsabilidade que non se executase. Cremos que non podemos seguir parados nin un minuto máis, cómpre facilitarlle aos investidores que executen canto antes os seus proxectos". Especial présa coa Costa da Morte Tamén destacou que, de tomar o goberno galego a decisión de dinamizar o Plan Acuícola, "traballaremos dende todas as frontes, tamén dende os concellos. Non imos dinamitalo como fixo o PP, manipular dende a demagoxia creando determinadas plataformas que non só atacaban o PSdG, senón que ían contra Galiza". "Tampouco imos prestar apoio a ningunha posición irresponsábel que supoña ter que volver empezar de cero", engadiu. Reiterou a urxencia do seu grupo por executar o Plan: "non nos podemos permitir o luxo de non pensar no futuro. Galiza xa ten un plan acuícola e é o que hai que desenvolver. Non se trata de discutir se as empresas son churras ou merinas, senón de desenvolvelo. Sería irresponsábel non pór todos os medios ao seu alcance". Instou ao goberno a facer "o que é necesario para a economía do país", e destacou que esta mesma mañá tivo unha conversa coa conselleira de Mar, Rosa Quintana, para anunciarlle a disposición do seu grupo a colaborar. "Apoiaremos todas as iniciativas sempre e cando non sexan radicalmente contrarias aos nosos principios". Tamén sinalou que en "determinados territorios", coma a Costa da Morte, o Plan pode dinamizar economías "con problemas maiores que no resto de Galiza e no Estado". Precisamente, o plan da piscifactoría de Cabo Touriñán, en Muxía, é un dos máis polémicos, porque ocuparía espazos que pertencen á Rede Natura. Salientou tamén Soneira que o plan anterior, con López Veiga como conselleiro de Pesca, "foi feito in extremis no traspaso de poderes" e había nel "cousas que eran ilegais". Insistiu na legalidade e vixencia do que foi aprobado o ano pasado polo Consello da Xunta, logo de recorrer o daquela presidente a unha prerrogativa para elevar o asunto, motu proprio (o Plan non contaba coa aprobación do Bloque) á sesión de goberno.
Descargar Tarifas