Redacción . Como todos os anos, a Unión do Povo Galego (UPG) –partido político integrado no Bloque Nacionalista Galego (BNG)–, celebra mañá un acto político en lembranza do asasinato do seu militante, Xosé Ramón Reboiras Noia, a mans da policía franquista no número 27 da rúa da Terra en Ferrol no ano 1975. Nesta ocasión, o acto garda un significado especial, xa que Reboiras vai obter do Goberno español a declaración de 'recoñecemento persoal e reparación moral' por ser unha vítima do franquismo.
Cartaz do acto de homenaxe a Moncho Reboiras
O militante da UPG Xosé Ramón Reboiras Noia vai obter do Goberno español a declaración de "recoñecemento persoal e reparación moral" por ser unha vítima do franquismo, en aplicación da Lei da Memoria Histórica, nun acto que se desenvolverá o mércores pola mañá na Delegación do Goberno español na Galiza.
Este feito estará presente no enfoque da homenaxe que a UPG lle tributa ao sindicalista e nacionalista galego. Tamén estará presente nas intervencións unha valoración da situación política en relación a temas de actualidade; situación económica (desemprego, sistema de financiamento, proceso de concentración de caixas de aforro e concurso eólico) así como as medidas antigalegas en materia lingüística propiciadas polo Goberno do PP
Tamén, como xa é tradicional, hoxe ás 20.00 horas, un grupo de militantes da UPG encabezados polo membro do Secretariado Político da UPG –e parlamentar do BNG– Bieito Lobeira, vai facer unha ofrenda floral no cemiterio de San Xoán de Laíño, parroquia do Concello de Dodro, onde descansan os restos mortais do mártir galego.
- Ás 19.00 horas da tarde concentración na Praza de Armas (diante da casa do Concello). Saída cara ao portal da rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras e ofrenda floral. Canto da Internacional e baixada até o Cantón.
- Ás 19.30 intervencións políticas no Cantón a cargo de:
Nemésio Barxa. Avogado e defensor dos presos da UPG en 1975 detidos logo da represión que se desencadeou tras o asasinato de Reboiras.
Xesús Seixo Fernández. Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Francisco Rodríguez Sánchez. Secretario Xeral da UPG e membro da Executiva Nacional do BNG.
Ao remate das intervencións, cantarase do Himno Galego.
Descargar Tarifas