Redacción . O portavoz da comisión da CRTVG, Xosé Luís Méndez Romeu, criticou que a Xunta 'permanece inactiva e inoperante' ante a caída de audiencia da Compañía de Radio e Televisión de Galicia nos meses de xuño e de xullo, o que ao seu xuízo reflexa 'unha tendencia que se engade a outros indicadores preocupantes'.
Imaxe do programa eliminado da grella da TVG 'Hai debate'
Neste sentido, o deputado do PSdeG tamén denunciou "indicios preocupantes de censura na programación" da televisión e a radio públicas de Galiza, así como unha "minorización" dos contidos culturais. Sobre isto, indicou que a Dirección deseña nestes momentos a grella do próximo outono.
A CRTVG alcanzou en xullo unha cota de pantalla do 12,8 por cento, fronte ao 15,8 do ano pasado, perda que Méndez Romeu atribuíu á política "de declaracións" dos 'populares', que ao seu xuízo "pasa factura". No ámbito dos medios públicos, "a súa actuación caracterízase pola omisión", incidiu.
Ademais, o socialista reprobou a conduta da directiva actual da compañía, da que se descoñecen actuacións para paliar a débeda económica "froito de gobernos anteriores". Por contra, defendeu que na lexislatura pasada a débeda pasou de 102 a 64 millóns de euros.
“Flagrantes incumprimentos”
Para Méndez Romeu, a actitude "errática" do PPdeG é responsábel da "inestabilidade" dos persoais, cunha precariedade que cifrou no 40 por cento dos traballadores da compañía. O Goberno bipartito elaborou un Plan de Estabilidade que non se chegou a aprobar polo "bloqueo" 'popular' no Consello de Administración, censurou.
A todo isto, o portavoz da comisión da CRTVG engadiu o que viu como "outros flagrantes incumprimentos" do presidente do Executivo, Alberte Núñez Feixóo, neste ámbito, como o nomeamento "unilateral" do director, Alfonso Sánchez Izquierdo, ou a "promesa" de cambio xurídico do medio público.
Nun horizonte "inmediato" de "uns meses", o panorama da televisión experimentará un cambio que cualificou de "histórico" –implantación da televisión dixital e supresión da publicidade–, co que advertiu que "os problemas se multiplican", polo que a súa formación estará "vixiante para impedir que se volva a datas pasadas", concluíu.
Descargar Tarifas