Manuel Vilas . Todo en castelán é a opción máis votada para as materias, libros e exames de Primaria e Secundaria. O galego só gaña en FP, segundo os datos da polémica enquisa para derrubar o Decreto que promociona a lingua propia nas aulas.
Lorenzo admite maior participación da privada na enquisa do galego
A Xunta presentou hoxe os resultados da enquisa do galego como un triunfo do bilingüismo que xustifica a derrogación do Decreto. Con todo, unha análise polo miúdo mostra que a maioría dos país aposta polo monolingüismo nos ciclos máis numerosos, Primaria (50,1 por cento) e Secundaria (53 por cento). Nestes ciclos, ademais, a balanza inclínase do lado do castelán. A participación global foi do 58 por cento. Primaria Así, en Primaria a opción preferida para as materias troncais é “todas en castelán” cun 37 por cento. O cadro complétase con “unhas en galego e outras en castelán” 26 por cento, “a maioría en castelán” 17 por cento, “todas en galego” 12 por cento e “a maioría en galego” 5 por cento. Os pais de primaria tamén prefiren “todos en castelán” (34 por cento) nos libros de texto e nos exames (51 por cento). A participación neste ciclo foi do 70 por cento. Secundaria En Secundaria, a opción preferida para as materias troncais é “todas en castelán” cun 33 por cento. O cadro complétase con “unhas en galego e outras en castelán" 23 por cento, “a maioría en castelán” 14 por cento, “todas en galego” 19 por cento e a “maioría en galego” 7 por cento. Os pais de Secundaria tamén prefiren “todos en castelán” nos libros de texto (33 por cento) e nos exames (44 por cento). A participación neste ciclo foi do 38 por cento. Formación Profesional Nos ciclos formativos de FP é ó único apartado onde hai unha vitoria parcial e moi axustada para o galego. Así o 52 por cento aposta por materias troncais nas dúas linguas, mentres que o 25 por cento pide galego e o 22 por cento castelán. Os pais de FP tamén prefiren libros de texto (38 por cento) e exames (42 por cento) indistintamente nas dúas linguas. A participación neste ciclo foi do 33 por cento. Ensino infantil Entre o máis cativos case o 60 por cento dos pais din falarlle aos fillos en castelán. Con todo, a opción máis votada como lingua nas aulas é “galego e castelán” (53 por cento) diante de “castelán” (37 por cento). O galego queda por debaixo do 9 por cento.
1 / 2
O mandatario non quixo precisar a porcentaxe de respostas de centros privados sobre o total de papeletas. Remitiu a un dossier entregado á prensa, no que non figura este dato.
Outra falla da metodoloxía admitida pola Xunta é a baixa participación en Secundaria (38 por cento) e FP (33 por cento). Lorenzo recoñeceu que moitos directores de centros destes ciclos queixáronse da dificultade de entregar as enquisas, pois moitos alumnos xa non acudían ás aulas por mor do Selectivo e das prácticas en empresas.
Lorenzo ataca políticas de “imposición e illamento”
Con todo, Lorenzo destacou a “alta participación que demostra o interese dos pais na educación dos seus fillos”, argumento que repite o comunicado oficial de Educación.
O secretario xeral indicou que os resultados “evidencian que a sociedade galega se reafirma bilingüe”. Iso malia que en Primaria e Secundaria máis do 50 por cento dos pais votaron por unha opción monolingüe.
Lorenzo admitiu que “a lingua propia de Galicia non se valora o suficiente”. Por iso reclamou “autocrítica” sobre as políticas lingüística dos últimos 25 anos e prometeu máis “medidas positivas para o idioma”. Unhas medidas que, na súa opinión, son responsabilidade de todo a sociedade e non só do Goberno.
Iso si, deixou claro que tal promoción “non pasa por fórmulas de imposición e illamento”, nunha clara referencia ao discurso do PP sobre a suposta violación da liberdade nas aulas por parte do bipartito.
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, negara ter contratado ningunha firma privada para o proceso. Vázquez non participou na rolda de prensa de presentación dos datos, malia ser o tema máis relevante do seu departamento nos medios.
“A consulta non é vinculante”
Até que punto influirán estes resultados no novo Decreto? Lorenzo non deu pistas, pois negouse incluso a falar de calquera calendario. Iso si, admitiu que, malia importancia dos datos, a “consulta non é vinculante”.
Lorenzo cifrou en 160.985 os euros gastados na enquisa, uns 48 céntimos por alumno. Nunha linguaxe moi dura, atacou as “mentiras estúpidas” de varios axentes sociais, que non nomeou, sobre o custe da investigación.
Malia gran expectación dos medios, a rolda de prensa durou só media hora, coa escusa da homenaxe ás vítimas do atentado de onte, concentración na que si pariticipou o conselleiro ausente da presentación.
Descargar Tarifas