Manuel Vilas . A absorción de Caixanova e Caixa Galicia por unha entidade foránea é unha das opcións que estuda a Xunta. Esta é a principal novidade da comparecencia do presidente cando se cumpren cen días do seu mandato.
Feixóo fai balance de 100 días en política lingüística
Alberte Núñez Feixóo celebrou esta mañá os seus cen primeiros días en San Caetano. Fíxoo arroupado por todos os seus conselleiros, presumindo de unidade e de “terminar cos vicios” do bipartito. Foi un discurso triunfalista; cunha única frase para o sector leiteiro, sen referencia á folga do metal e con mínimas trazas de autocrítica. Financiamento autonómico, a "grande eiva" Presumindo da participación na enquisa do galego Economía: eólicas, caixas e IRPF Tanto o discurso como o balance publicado pola Xunta non achegan novidades salvo a promesa de que haberá decisión sobre o concurso eólico “nas vindeiras semanas”.
1 / 2
O presidente da Xunta só admitiu unha “grande eiva”, o financiamento autonómico, no que “non acadamos o obxectivo que buscamos”.
“Logramos pasar de máis de 400 millóns a máis de 600 millóns, pero non logramos fondos suficientes para a dispersión e non logramos ningún fondo para a emigración”, recoñeceu o político sobre a negociación co Estado. “O 15 por cento dos galegos teñen plenos dereitos políticos pero non económicos”, laiouse.
Entre os logros, Feixóo citou dúas iniciativas a prol da “liberdade” que en realidade limitan os dereitos adquiridos polo idioma.
Así, volveu prometer a derrogación do decreto do galego “para que nas aulas reinen os criterios das maiorías tendo sempre en conta os criterios das minorías”. O conservador presumiu de que antes da derrogación se lles consultou aos pais. “A proba da aceptación desta medida é a alta participación que se deu na consulta”, dixo en relación á polémica enquisa que, segundo datos de Educación, non respodeu un 40 por cento das familias.
O presidente tamén presumiu da Reforma da Lei de Función Pública, que fai de Galicia a única autonomía que non esixe un exame da lingua propia para ser funcionario autonómico ou local. Feixóo insiste en que así se recupera o “consenso”, malia que toda a oposición e a práctica totalidade dos sindicatos da función pública se pronunciaron en contra.
Foi na quenda de preguntas cando Feixóo non lle quedou máis remedio que abordar os puntos máis quentes da actualidade económica. Fusionaranse Caixa Galicia e Caixa nova por mor da crise? O presidente recoñeceu que “o Goberno está estudando con meticulosidade a situación das caixas galegas dende hai semana”. Entre as opcións que baralla está tanto a “fusión” como “acordos estratéxicos con outras entidades”. É dicir, existe a posibilidade que unha entidade foránea merque algunha das caixas galegas.
Cumprirá o Goberno coa promesa de baixar o tramo autonómico do IRPF? Feixóo escudouse na crise para non ter cumprido até agora: “esa medida segue en pé, pero é evidente que temos en conta o parámetro dos ingresos”. Non foi quen de concretar máis que “ningún goberno responsábel nun intre dunha crise económica (...) pode concretar o mes no que vai facer unha rebaixa fiscal”.
Descargar Tarifas