Europa Press . A oposición conmemora hoxe o Día de Galicia, o BNG coa súa tradicional manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela, na que a defensa da lingua galega e do emprego centrarán as súas reivindicacións, e o PSdeG vólvese a trasladar a Rianxo para demandar ante o monumento a Castelao a reforma do Estatuto de Autonomía.
"Esperamos que sexa masiva, como están sendo as dos últimos anos", sinalaron a Europa Press fontes do BNG, quen apuntaron tamén que o Bloque participou en máis de 100 actos "por toda Galicia desde hai un par de semanas" para celebrar o 25 de xullo. 'Movámonos polo noso idioma e polo emprego' pretende "conciliar" a mobilización da sociedade "contra os ataques do Goberno galego á lingua" e contra unha crise que "destrúe miles de empregos". O PSdeG foi o máis rápido en abrir o debate sobre o Estatuto O PSdeG desprazarase novamente ata Rianxo para depositar flores ante o monumento erixido en memoria do intelectual galeguista Afonso Daniel Rodríguez Castelao, no seu pobo natal. Este ano, os socialistas realizaron un esforzo "maior" de mobilización, polo que aspiran a reunir a unhas 200 persoas nun acto cuxo protagonista será a reforma do Estatuto, que reclaman que se aborde de inmediato. A Rianxo trasladarase a plana maior do partido, posto que está prevista a presenza dunha nutrida representación do partido. "Este ano terá unha dimensión maior tanto cualitativa como cuantitativamente", sinalaron a Europa Press fontes socialistas. O líder dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, lerá un manifesto ante unhas 200 persoas entre as que figurarán membros da dirección e do Grupo Parlamentario. A presenza do ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño non está confirmada neste Día de Galicia, o primeiro desde a perda da Presidencia da Xunta tras as eleccións do 1 de marzo.
Acto do BNG na Quintana o Día da Patria 2009.
O BNG celebrará o 'Día da Patria' baixo o lema 'Movámonos polo noso idioma e polo emprego', co que pretenden conciliar "as dúas cousas máis importantes en Galicia actualmente". Así, tras a homenaxe que onte renderon a Rosalía de Castro e Castelao, organizado pola organización xuvenil Galiza Nova, hoxe aspiran a conseguir unha manifestación "masiva".
O PPdeG xa conmemorou onte o Día de Galicia cunha ofrenda floral realizada polo seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, ante o Panteón dos Galegos Ilustres onde, rodeado dos principais dirixentes do partido, leu un manifesto centrado na reivindicación dun "bilingüismo harmónico" e na reivindicación dun galeguismo "aberto".
Este ano os populares teñen que conxugar os actos de partido coa axenda propia do Goberno galego, que consiste nunha Ofrenda ao Apóstolo na que Feijóo exercerá como delegado rexio. Así mesmo, o máximo mandatario galego presidirá a entrega das Medallas de Galicia 2009, que recaerán sobre os seus catro predecesores: Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño.
Previamente, Feijóo tamén acudirá á misa en honra de Rosalía de Castro e realizará unha ofrenda no Panteón de Galegos Ilustes, nesta ocasión como máximo mandatario galego.
Descargar Tarifas