PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Comarcas de Galiza
Terra Cha, reserva da biosfera

M. B. A nova entrega da colección As comarcas de Galiza repasa o patrimonio natural da ampla comarca luguesa, declarada reserva da biosfera, onde se conservan ecosistemas únicos

Reloxo 04.08.2009 | 07:46
TAGS: terra cha ,

Fonmiñá Fonmiñá. Grupo XEA Esquerda   1 / 4  Dereita  

O 16 de decembro de 2002 a Terra Cha, xunto coa zona alta do Miño, foi declarada Reserva da Biosfera. A Unesco perseguía conservar así unhas das mellores representacións de ecosistemas naturais característicos dos territorios sublitorais atlánticos que a presión humana e industrial están a facer desaparecer.

Esta declaración, que protexe humidais, bosques de ribeira, turbeiras e paisaxes de montaña, converteuse na primeira destas figuras aprobadas en Galiza e constitúe a de maior extensión con máis de 360.000 hectáreas.

Este territorio, que aglutina os concellos de Vilalba, Castro de Rei, Abadín, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Xermade, albergou dende a antigüidade importantes poboacións que foron medrando dende a Idade Media da man dunhas condicións favorábeis para o desenvolvemento agrícola, gandeiro e forestal. Coa chegada dos avances e dos logros da Revolución Industrial mudaron os aproveitamentos do chan e con eles foron construíndose polígonos industriais, vías de comunicación e núcleos urbanos. Tamén variou, en consecuencia, a paisaxe e o medio natural.
A pesar de todo, a comarca da Terra Cha, enmarcada dentro da área Terras do Miño, constitúe un dos poucos exemplos europeos onde se mantén case intacta a riqueza natural. O territorio que abrangue presenta unha paisaxe dominada polas chairas, dedicadas fundamentalmente á produción de forraxe para manter a numerosa cabana gandeira.

Está rodeada polo norte polas serras do Xistral, onde o elevado nivel de humidade permite que as árbores medren e sobrevivan incluso enriba das pedras, A Toriza, A Carba, a serra de Lourenzá, a de Carracedo, a Serra da Loba, Cordal de Montouto e os montes da Serra da Serpe. Desta última elevación a tradición conserva viva a lenda que lle dá nome. No lugar tópase a chamada Cova da Serpe, na Pena Furada. Segundo a lenda, nesta cova vivía un réptil de gran tamaño que comía o gando e a xente e del dicían que incluso baixaba polas noites á aldea e mamaba o leite das vacas.

Como explica a bióloga e mestra Adela Leiro Lois, con ampla experiencia neste de traballos e gran coñecedora do patrimonio natural galego, a Terra Cha “é unha comarca de gran valor ecolóxico que acolle ecosistemas únicos”. Dentro dos seus límites tópanse as turbeiras da Serra do Xistral, as lagoas de Cospeito, de Bardancos e de Riocaldo, os bosques das ribeiras das moreas de ríos que verten as súas augas ao Miño así como fervenzas espectaculares e unha grande representación de flora e fauna.

Canteiras e muíños

Recomendamos a visita á fervenza do río Arnela, no municipio de Abadín, a freixa da Ruxida, en Guitiriz con máis de oito metros de caída, e a ruta pola zona dos Sete Muíños, no río Escadebas, no que se forman rápidos e pequenos saltos entre rochas graníticas que foron aproveitados para instalar muíños.

Terra Cha sae ademais coa intención de valorización do contorno e o medio como bens esquecidos nunha comarca na que a auga ten un protagonismo fundamental. A través de lagoas, humidais, ríos e correntes que conforman unha complexa rede hidrográfica favorecida pola planicie da zona, a auga percorre toda a comarca e condicionando a actividade humana, animal e vexetal. A esa rede pertencen os ríos e humidais de Parga, Ladra e Támoga, protexidos coa súa declaración como Lugar de Interese Comunitario, pero tamén o Miño, o Anllo, o Madalena, o Eume ou o Trimaz.

Mapa da Terra Cha Mapa da Terra Cha. Grupo XEA

No concello de Guitiriz, marcado pola actividade canteira, destaca tamén a Pena Xiboi, declarada Ben de Interese Cultural pola Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental da Xunta de Galicia. Ademais da curiosidade da súa forma, ao sei pé topáronse restos duns nove mil anos de antigüidade, pertencentes á cultura neolítica nómade. Na zona tamén se conserva unha gran tradición termal, que aproveita as propiedades das súas augas. Neste sentido, vén de recuperarse o balneario de Langostelle, dentro do mesmo concello.

Ruta dos castros

As lendas referidas aos antigos poboadores mitolóxicos non desapareceron totalmente da memoria colectiva da comarca. Dos antepasados que realmente poboaron estas terras consérvase gran cantidade de restos arqueolóxicos e de castros espallados por toda a comarca.

Pode iniciarse unha ruta en coche polos castros topados no municipio de Vilalba, que suman un total de once. Un deles, o Castro de Godaísque, conserva unha muralla defensiva dupla, e existen indicios da súa romanización. Dentro da croa nace auga e moi preto dela topáronse restos da época romana.

Moitos dos castros de Vilalba, ao igual que aconteceu na maior parte do país, foron cristianizados e, nos seus puntos máis altos construíuse unha capela para adorar santas e santos. Este é o caso do de Goiriz, o de Codesido, o da Torre ou o de Belesar.

Existen tamén gran cantidade de castros en Castro de Rei, onde se sitúa un dos máis destacados da provincia de Lugo, o de Viladonga. O seu descubrimento produciuse en 1911, cando un campesiño enganchou co seu arado un torques de ouro. O achado desencadeou unha serie de traballos de escavación dende os dende a década dos 70 que deixaron ao descuberto unha acrópole case circular, de 10.000 metros cadrados de superficie, rodeada por un sistema defensivo composto por unha sucesión alterna de murallas e fosos.  

Ao seu carón, inaugurouse un museo monográfico no que ademais de exposicións permanentes cos restos topados na escavacións (colares, prendedor, un taboleiro de damas e moedas), poden verse maquetas do asentamento.

Árbores centenarias

Na comarca existen ademais toda unha serie de árbores senlleiras, algunhas delas declaradas patrimonio da humanidade. Neste categoría inscríbese o carballo de Luxís, na parroquia de Pazos, en Castro de Rei. Ten ao redor de 20 metros de altura e non chega aos 200 anos.

Destaca ademais o carballo de Freán, na parroquia de Cazás (Xermade), que mide máis de 7 metros, o carballo da Casa de Altide, en Begonte, con máis de 20 metros e unha idade aproximada de entre 300 e 500 anos, o eucalipto do maná, da Casa de Órdax, en Castro de Rei ou o olmo do xardín municipal de Vilalba, plantado a finais do século XIX e que alcanzou máis de 15 metros de altura.

Como curiosidade, en Baamonde, no adro da súa igrexa parroquial, tópase o castiñeiro da Capela, que ten no seu interior unha talla da Virxe do Rosario, realizada polo escultor Víctor Casal.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río