Redacción . Os xulgados de todo o Estado teñen dende hoxe á súa disposición os sistemas de localizacións GPS, un total e 3.000 dispositivos portátiles para garantir que os maltratadores cumpren as medidas cautelares de afastamento que lles impoñan respecto das súas vítimas.
Esta iniciativa, anunciada o pasado 8 de xullo e cuxa entrada en vigor está prevista para hoxe, foi impulsada polo Ministerio de Igualdade en colaboración coas carteiras de Interior e Xustiza, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e a Fiscalía contra a Violencia sobre a muller. Segundo explicaron fontes de Igualdade estes sistemas xa están repartidos polas distintas provincias grazas á loxística da empresa adxudicataria, o consorcio Securitas Direct-Telefónica, que “garantiu” que todos os xuíces que o soliciten terán o sistema nas súas mans nun prazo non superior a 24 horas. Aínda que a extensión dos primeiros 3.000 GPS que funcionarán se fará progresivamente e a demanda dos xulgados, a partir de hoxe, no momento no que se produza unha sentenza que o requira, a empresa terá todo preparado e operativo, e estará listo o centro de control que se encargará de facer o seguimento. A distribución dos dispositivos de localización non será por comunidades, senón por xulgados. Este centro recibe as alertas que están clasificadas atendendo á súa gravidade en tempo real sobre a ubicación xeográfica de agresor e vítima, detecta e demarca as zonas de exclusión e inclusión para controlar o acceso do inculpado nas mesmas.
A ministra de Igualdade Bibiana Aído.
Sistema de localización
O sistema conecta o suposto agresor e a muller cun centro de control único operativo as 24 horas todos os días do ano, onde persoal cualificado atenderá as incidencias e trasladará toda a información as mesmas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado tanto se se trata dunha incidencia técnica como se se dá un caso de emerxencia.
Descargar Tarifas