Europa Press . Ao redor de 200 persoas secundaron onte a marcha a pé de tres horas entre Ferrol e a localidade de Mugardos, convocada polo Comité Cidadán de Urxencia da Ría de Ferrol, para mostrar o seu rexeitamento á actividade da planta de gas de Reganosa (Mugardos), xa que consideran que supón un perigo 'innecesario' ao achegar só 'o 7 por cento do gas' ao mercado estatal.
Instalacións de Reganosa na ría de Ferrol.
A Terceira Marcha a pé, cunha duración dunhas tres horas, comezou ás 17.00 horas no barrio de Caranza (Ferrol). Celebrouse en coincidencia co segundo aniversario do peche que durante semanas realizaron os veciños de Mugardos na Casa Consistorial, para pedir que Reganosa, que comezou a operar en probas en maio de 2007, non fose autorizada de forma definitiva.
O colectivo veciñal considera que a planta de gas, a pesar de ser autorizada polo Ministerio de Industria en novembro de 2007, é "ilegal", porque se sitúa a menos de 200 metros de distancia dos núcleos habitados.
O representante do Comité, Manuel Rodríguez Carballeira, denunciou que ademais de "ilegal e perigosa", Reganosa é "innecesaria", xa que segundo os últimos datos do Ministerio de Industria, só está traballando "ao 29 por cento da súa capacidade", e a súa produción gasística só supón "o 7 por cento do mercado estatal".
Os veciños, que levan nove anos protestando contra a planta de gas, oponse á solicitude de Reganosa de duplicar a capacidade de produción do seu terminal, para pasar dos 412.000 metros cúbicos actuais a 825.600 en 2013. O BOE xa publicou en xaneiro a licitación do proxecto, que prevé, a partir do último trimestre do ano, a instalación de dous novos vaporizadores, que se sumarían aos outros dous existentes. O mecanismo converte o gas líquido en estado gaseoso para inxectalo á rede eléctrica.
Carácter “destrutivo”
Os veciños insisten ademais o carácter "destrutivo" do gas natural. Recordan que o accidente ocorrido en Viareggio (Italia) a finais de xuño, no que explotou un vagón cisterna con 30 toneladas de gas licuado, provocou o falecemento xa de case 30 persoas. Na planta de gas de Reganosa, almacénanse até 150.000 toneladas.
Os veciños e os membros do colectivo cidadán engaden que Reganosa se atopa no interior da ría de Ferrol e que os buques gaseiros deben atravesar unha canle de cinco quilómetros de longo e de tan só 150 metros de ancho. Para esta actividade, necesitan seis cambios de rumbo, o apoio de dous prácticos do porto, catro remolcadores e pleamar diúrna.
Reganosa está participada pola Xunta (10 por cento), Endesa e Unión Fenosa (21 por cento cada unha), o Grupo Tojeiro (18 por cento), Caixa Galicia (10 por cento), Caixanova (5 por cento) e o Banco Pastor (5 por cento). O accionariado complétase coa participación de Sonatrach, nun 10 por cento.
Descargar Tarifas