Redacción . A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra asegurou que a fábrica de Ence en Pontevedra está cometendo un 'incumprimento claro' da normativa ambiental debido a que as súas emisións 'triplican' o máximo permitido pola lei para unha zona 'sensíbel' como a ría de Pontevedra.
Ría de Pontevedra.
Fronte ao director da factoría, Xosé Antonio Camblor, quen sostén que "non hai ningunha razón técnica nin ambiental" que xustifique o traslado de Ence da súa actual localización xunto á ría de Pontevedra, o vicepresidente da APDR, Benito Andrade, afirma que "actualmente existen incumprimentos claros da normativa".
O colectivo ecoloxista, que vén solicitando datos das analíticas das verteduras procedentes da fábrica pasteira e de parámetros como a demanda biolóxica de osíxeno, sólidos en suspensión e fósforo, alerta que a entrada de materia orgánica na ría está provocando "a redución de osíxeno nos fondos, a redución da transparencia da auga e da actividade fotosintética", o que está "danando os organismos que viven no fondo" e, xa que logo, os recursos marisqueiros.
Ante estes supostos incumprimentos da lexislación, a APDR acusa a Administración de pasar "por alto con artimañas" esta situación. "Ence desde sempre vén dicindo que medio ambientalmente cúmpreo todo", engadiu Benito Andrade, quen recordou que en 2002 a empresa foi condenada por delito ecolóxico "recoñecendo que estaba contaminando gravemente a ría".
Descargar Tarifas