PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
PPdeG e BNG, en Compostela, o PSdeG, en Rianxo
Os grupos políticos ultiman a celebración do Día da Patria

Europa Press As tres principais formacións políticas de Galiza conmemorarán cos seus tradicionais actos políticos en Santiago de Compostela e Rianxo a celebración do Día da Patria, aínda que socialistas e nacionalistas farán o propio o día 25 e os populares adiantaranos ao venres.

Reloxo 23.07.2009 | 08:45

Detalle da manifestación do Día da Patria Detalle da manifestación do Día da Patria. Pepe Ferrín/AGN Así, o PPdeG repetirá o acto co que conmemora cada ano o Día de Galiza, é dicir, unha ofrenda floral que realizará o seu presidente, Alberte Núñez Feixóo, ante o Panteón dos Galegos Ilustres. Alí, rodeado dos principais dirixentes do partido, o líder dos populares lerá un manifesto centrado na reivindicación dun "bilingüismo harmónico".

Ademais, este ano, os populares deberán conxugar os actos de partido cos actos propios do Goberno galego, que consisten nunha Ofrenda ao Apóstolo na que Feixóo exercerá, a instancias do Rei, como delegado rexio. Así mesmo, o máximo mandatario galego deberá presidir a entrega das Medallas de Galicia que recaerán sobre os seus catro predecesores: Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño.

Pola súa banda, o PSdeG desprazarase até Rianxo para depositar flores ante o monumento erixido en memoria do intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no seu pobo natal. Este ano, os socialistas realizaron un esforzo "maior" de mobilización, polo que aspiran a reunir unhas 200 persoas nun acto cuxo protagonista será a reforma do Estatuto.

Mentres, o BNG celebrará o 'Día da Patria' baixo o lema 'Movámonos polo noso idioma e polo emprego'. Trátase de conciliar "as dúas cousas máis importantes en Galiza actualmente", polo que, tras un acto de homenaxe a Rosalía de Castro e Castelao, convocaron unha manifestación "masiva".

PPdeG
Tal e como ocorreu ao longo dos últimos anos, os populares galegos non realizarán ningún acto oficial o día 25, de modo que a ofrenda floral en Bonaval terá lugar a véspera. Neste acto, Feixóo apostará por un "galeguismo aberto e plural", que sexa "un manto que dea cabida a toda Galiza", rexeitando aos que entenden ese sentimento como un "paraugas elitista". Manifestarase, xa que logo, en favor dun galeguismo que forme parte dunha "España plural e unida" e que "busque a integración".

Así mesmo, recordará a dous personaxes destacados da historia da autonomía galega: o primeiro presidente de Galiza na Transición, Xerardo Fernández Albor, e o intelectual e político galego Ramón Piñeiro, a quen se dedicou este ano o Día das Letras Galegas.

Por outra banda, tamén fará fincapé na democracia e a liberdade como "claves para comprender o galeguismo", ademais da importancia das eleccións como forma na que os cidadáns "escolleron libremente o seu destino" e decantáronse por unha tendencia que "non rexeita formar parte de España" e que non practica a "imposición lingüística".
PSdeG
O PSdeG celebrará o seu tradicional acto en Rianxo, onde se trasladará a plana maior do partido, posto que está prevista a presenza dunha nutrida representación do partido. "Este ano terá unha dimensión maior tanto cualitativa como cuantitativamente", sinalaron a Europa Press fontes socialistas.

En canto ao seu contido, o elemento principal será a reforma do Estatuto de Autonomía, proposta polo secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, o pasado luns. A xuízo dos socialistas, esta cuestión outorgaralle ao acto "unha maior carga de profundidade".

Así, o líder dos socialistas galegos lerá un manifesto ante unhas 200 persoas entre as que figurarán "destacados dirixentes" do partido, tales como os membros da dirección e o Grupo Parlamentario. En todo caso, a presenza do ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño non está confirmada neste Día de Galiza, o primeiro desde a perda da Presidencia da Xunta tras as eleccións do 1 de marzo.
BNG
Para rematar, o BNG conmemorará o 'Día da Patria' con actos, como o 'FestiGal', que acollerá o Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela a véspera do 25 de xullo pola noite.

Ademais, realizarase unha homenaxe a Rosalía de Castro e Castelao, organizado pola organización xuvenil Galiza Nova, e, como elemento central, celebrarase a tradicional manifestación na Alameda da capital galega coa presenza dos principais dirixentes da formación frontista.

"Esperamos que sexa masiva, como están sendo as dos últimos anos", avanzaron a Europa Press fontes do BNG, quen apuntaron tamén que o Bloque participou en máis de 100 actos "por toda Galiza desde hai un par de semanas" para celebrar o 25 de xullo.

'Movámonos polo noso idioma e polo emprego' pretende "conciliar" a mobilización da sociedade "contra os ataques do Goberno galego á lingua" e contra unha crise que "destrúe miles de empregos".
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río