Redacción . A Universidade da Coruña (UDC) ofertará o próximo curso académico máis do 60 por cento das súas titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), máis coñecido como Plan Boloña, segundo informaron hoxe, en rolda de prensa, o reitor coruñés, Xosé María Barxa, e a vicerreitora de Organización Académica e Titulacións, Ana Tarrío.
Grupo de estudantes.
No curso 2009-2010, a Universidade da Coruña ofrecerá un total de 26 titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior, despois de que as 24 propostas de grao presentadas fosen verificadas pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e a Acreditación (AENA). A UDC conta xa na actualidade con dous graos implantados.
Tanto o reitor coruñés como a vicerreitora de Organización Académica e Titulacións subliñaron hoxe o "esforzo" realizado para a adaptación das titulacións que imparte a Universidade da Coruña ao Plan Boloña "sobre todo porque se mantén o número de prazas, sen rebaixar a calidade", apuntou Tarrío.
A vicerreitora de Organización Académica destacou o caso de Enxeñería en deseño industrial e desenvolvemento do produto, que se impartirá no campus de Ferrol "e será un grao único no sistema universitario galego" ou dos graos en español, inglés e galego e portugués "que terán dous anos en común o que permitirá unha formación plurilingüe e a obtención de varios títulos de grao".
Pola súa banda, Barja recoñeceu o "sobrecusto" que esta adaptación terá tanto polo incremento de profesores,como pola redución dos grupos sen diminuír o número de prazas e a necesidade de adaptar os espazos existentes ás novos criterios de ensino. Por iso, indicou que manterán "o investimento de choque" que acometeu xa o ano pasado a Universidade da Coruña.
Facultade de Medicina
Sobre a demanda dunha Facultade de Medicina para A Coruña, Barxa reiterou hoxe que a universidade "non renuncia a ningunha opción", pero subliñou a necesidade de evitar a "improvisación" ao referirse, entre outras cuestións, aos recursos necesarios para a súa implantación.
Así mesmo, Barxa considerou que no marco do financiamento das universidades galegas é onde deben abordarse os novos estudos e avogou por que a implantación de novas titulacións se faga "complementado" as necesidades existentes no sistema universitario galego.
Descargar Tarifas