Manuel Vilas . Veciños e ecoloxistas anuncian protestas en canto a Xunta aprobe as primeiras granxas, que poderían ser as de Lira, Oia e Quilmas. Esta última enfróntase a un preito no que se pedirá o seu peche ou parada até que logre o permiso de verteduras.
Reportaxe sobre os vertidos das piscifactorías galegas e a planta de Pescanova en Portugal.
O portavoz dos ecoloxistas, Fins Eirexas, presentou esta mañá un manifesto contra o polémico Plano Acuícola. Un dos seus obxectivos é demostrarlle a Xunta que “na defensa da costa non está só un grupo ecoloxista”. A Plataforma en defensa da costa de Oia, a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, a Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas, a Plataforma de Arou, a Asociación a Pergoliña, a Plataforma Veciñas de Camelle e a Plataforma Veciñas de Xove-Lago tamén asinan o documento, que está aberto a outros grupos. Todos os asinantes até agora son colectivos contrarios ás granxas previstas no Plan e tamén a planta que Pescanova ambiciona na Rede Natura de Cabo Touriñán. Quilmas, Oia e Lira poden ser os primeiros Eirexas advertiulle á Xunta de que, se teima en sacar adiante os proxectos, haberá mobilizacións como na etapa do bipartito. O activista apuntou que Quilmas, Oia e Lira poden ser os primeiros proxectos en ser publicados no DOG este verán. “Imos estar na costa diante das máquinas, paralizando as obras” alertou o portavoz nunha rolda de prensa. Eirexas recordoulle ao PPdeG que na anterior lexislatura manifestouse canda os ecoloxistas contra varias das granxas do Plan. Cómpre lembrar que o voceiro parlamentar do PP, Manuel Ruíz Rivas, confirmou que o Goberno desbotará as obras en Seiruga, Merexo e Camelle. Hai que ter en conta que varias das plataformas veciñais contrarias a estas granxas foron moi críticas co bipartito e estaban dirixidas por persoas próximas ao PP. Ao respecto o manifesto ecoloxista destaca que “cambiar Merexo, Seiruga ou Camelle por Touriñán non é unha opción, é unha vergoña”. Favoritismo do PP con Pescanova E é que a nova conselleira Rosa Quintana xa adiantou que a Rede Natura non debe ser impedimento para a instalación destas industrias. De feito, a Xunta apoia abertamente que Pescanova retome o macroproxecto que ocupa gran parte da área protexida de Cabo Touriñán. Este proxecto foi parado polo bipartito polo seu impacto no medio. Eirexas acusou o Goberno do PP de favoritismo con Pescanova de igual xeito que o anterior executivo favorecía a multinacional baseada en Luxemburgo Stolt Sea Farm. “Stolt tiña máis amigos na consellaría da señora Gallego (a conselleira de Pesca do bipartito), Pescanova parece que ten máis amigos na Consellaría de Pesca da señora Quintana”, argumentou o ecoloxista nunha rolda de prensa en Santiago. Parar a política de feitos consumados ADEGA lembrou que as novas industrias gozarán de subvencións de até o 50 por cento para construírse. Eirexas advertiu a Quintana que levarán o plan acuícola a Bruxelas “para que Europa saiba quen e como está negociando as subvencións europeas”. Ademais, asegurou que, para ocupar Touriñán, o goberno terá que probar unha necesidade pública de primeira orde e urxente, algo que non xustifica unha nova granxa acuícola. Os activistas tamén lembraron que o Plan Acuícola está recorrido na Xustiza. Con todo, non confían en que esta vía chegue a tempo de parar a “política de feitos consumados”. “O contencioso administractivo é buraco negro que tarda moito en resolverse e (...) por desgracia a miúdo remata cando xa está desfeita acabada”, laiouse Eirexas.
1 / 3
ADEGA e a Plataforma pola defensa do patrimonio de Quilmas demandarán esta semana na Xustiza o feche da piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas. Esta instalación leva décadas vertendo á Ría de Muros sen o permiso obrigatorio de Augas de Galicia, tal e como proba unha denuncia da Garda Civil. É máis, ADEGA advirte que “ningunha das piscifactorías que están funcionando en Galicia teñen permiso de vertido, están nunha situación alegal por non dicir ilegal”.
Descargar Tarifas