
Mar ou montaña? A disxuntiva por antonomasia. (Que culto agora! Deime até medo e todo. Empreguei nunha mesma frase verbas como disxuntiva e antonomasia. Miña nai pode estar orgullosa esta semana). Pois si, esta é unha das preguntas máis feitas do mundo xunto a outras como: Doce ou salgado? Barça ou Madrid? Arriba ou abaixo? Pero ben, volvendo á cuestión inicial, diremos que separa os amantes da praia por un lado, e polo outro os amigos do aire puro, o verde e os chaleques de Coronel Tapioca.
E a miña pregunta é... Por que escoller unha das dúas? Sen fanatismos. Uns días de praia na costa do Maresme (a 20 minutos de Barcelona) e en dez dias mollando o cu no río de Montefurado. Esta derradeira frase resume un pouco o que será o meu verán. A afección polo mar e a praia foi algo que fun gañando co paso dos anos, quizais a medida que lles ía dando maior importancia aos bikinis. Gústame, reláxame e resúltame altamente agradábel a sensación de salitre na pel que repousa nun tras o baño. Ademais, unha das cousas que máis valoro nesta vida é unha boa fideuá nun chiringo de praia ás tres da tarde. Do mesmo xeito, entro en paz comigo mesmo, tras unha boa sesta á sombra da Chopera no río da aldea. E desfruto aínda como un neno, roendo nun Colajet no bar José, mentres leo un xornal con tres dias de atraso. Parecerá unha parvada... ou non, pero encántame pasar dez días na aldea e non saber absolutamente de nada! Se o goberno aprobou tal proxecto de lei, se morreu non sei quen..., se o Madrí fichou a non sei cantos... Que grande vivir na desinformación e desfrutar á vez dun xeado que xunta sabores tales como: limón, cocacola e chocolate na puntiña. Impresionante!
Como dixen antes, a semana que vén marcho para a miña aldea: Anguieiros. Un lugar que non chega aos 20 veciños no inverno. Ideal para a desintoxicación, os sudokus e a poesía. Teño moitas ganas de me perder por alí un tempo. Escribir, ler, saír a por auga á fonte en calzos... Pero sobre todo saber dos veciños, e que saiban eles de min:
–Logo que, atopaches xa un traballo ou segues co do teatro?
–Vés só? Non traes a moza contigo? Non serás...
–Cando marchas?
Esta última pregunta non a fan a mala fe... quero pensar. Sáelles, como acto reflexo. Pero fode, fode porque acabas de chegar, máis que nada.
Finais de xullo e... Hai xa canción do verán? Aquí en Barcelona si! Non sei se chegou a Galiza (xa mo diredes), pois é o tema principal dun spot dunha famosa birra catalana. O tema chámase “Summercat” e o grupo Billie the Vision & The Dancers. Animada, fresca e pegañenta, teno todo!
Descargar Tarifas