Europa Press . A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, convocou oficialmente para hoxe a Deputación Permanente, que decidirá se se reúne un Pleno extraordinario para que o presidente do Executivo autonómico, Alberte Núñez Feixóo, informe a Cámara da postura que mantivo na negociación do novo modelo de financiamento autonómico.
Aymerich (BNG), Orza (PP) e Leiceága (PSdeG) no Parlamento.
A Deputación Permanente, órgano encargado de velar polos poderes do Parlamento fóra dos períodos ordinarios de sesións, reunirase esta mañá ás 10.30 horas, despois de que o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) aprobase o mércores a reforma do sistema financeiro.
A decisión de "atrasar" até despois do CPFF a convocatoria deste órgano provocou o malestar de PSdeG e BNG. Así o manifestou o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, quen asegurou que manter este encontro unha vez aprobado o modelo supón "unha oportunidade perdida" para mostrar a "unidade" dos partidos galegos nun debate "fundamental".
Pola súa banda, o seu homólogo no BNG, Carlos Aymerich, insistiu en que Feixóo debería comparecer nun Pleno para informar da postura galega así como das súas "esixencias e propostas" antes da reunión do CPFF. En todo caso, considerou "positiva" a próxima reunión da Deputación Permanente e insistiu en que o presidente debe comparecer en sede parlamentaria para explicar a súa abstención.
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, acusou os grupos da oposición –e en especial ao PSdeG– de escudarse en "escusas de mal pagador" e de "botar a culpa" a un grupo parlamentario –en referencia ao PPdeG, con maioría na Mesa da Cámara– do "esperpento" de negociación do financiamento.
"Soa sarcástico", dixo o dirixente popular e resaltou que os tempos parlamentarios impediron que, de convocarse o Pleno, "fose antes do mércores".
Descargar Tarifas