Chaveiro Guantánamo, para cando o centro de internamento se convirta en museo
1 / 3
Imaxinan vostedes que nun futuro poidan visitar o museo de Guantánamo e levar de recordo para a casa un chaveiro do “típico” preso? E mercar en París unha torolla de can envasada para logo pisala co pé esquerdo e así atraer a boa sorte, segundo a crenza local? Estas son algunhas das propostas de Metasouvenirs, o espazo máis transgresor da exposición “Efecto souvenir”, que vén de ser inaugurada no centro Disseny Hub Barcelona.
Toda a mostra está dedicada a reflexionar sobre o “souvenir”, un elemento que reduce a complexidade das paisaxes e das culturas a iconas facilmente identificábeis, que poden ser reproducidas en camisetas e pins. “Está claro que tratamos un tema de aparente frivolidade”, explica o comisario da mostra, Óscar Guayabero, “pero de trascendencia social, conceptual e narrativa”.
O principal obxectivo do souvenir é de servir de lembranza da viaxe, aínda que a súa capacidade simbólica vai moito máis alá: a figuriña de plástico da Sagrada Familia fálanos máis de quen a merca que do propio lugar souvenizado. Dado que os souvenirs adoitan ser pouco agraciados, tópicos e de estética kitsch, algúns viaxeiros e aventureiros que buscan o “auténtico” prefiren adquirir obxectos cotiáns do lugar visitado. Para exemplos, a mostra exhibe un dosificador de alcol de Francia e unha caixa de mistos coa cara estampada dun astronauta ruso. Pero ni con esas deixan de ser souvenirs, fetiches que non pesan na maleta, e que nos remiten a unha experiencia vivida ou imaxinada que consideramos excepcional.
O máis interesante do fenómeno é, se cadra, como afecta a proliferación de souvenirs en serie ao espazo representado. O souvenir está feito á medida dun turista que dispón de pouco tempo e quere ver confirmados os esquemas prefixados que xa tiña dun país. Pouco importa que os zapatos de sevillana que se venden masivamente nas tendas turísticas de Barcelona non sexan propios da cidade, serano se responden ás expectativas dos compradores. Así pois, o risco do “efecto souvenir” é que as representacións acaben substituíndo ao orixinal, que os lugares deixen de ser o que eran para poder ser consumíbeis.
Coincido na idea de que o souvenir é normalmente un artefacto estridente, ás veces mesmo de mal gusto, que liquida a biodiversidade comercial. Pero non deixa de ter un aquel especial e irresistíbel: a viaxe non semella completa se non recorremos a el. Como renunciar a adquirir un galo de Barcelos a primeira vez que un visita Portugal?
Descargar Tarifas