
Bolívar, Mao, Amilcar Cabral, Ho Chi Ming e o León de Vilalba
1 / 2
Vituperado polos nacionalistas, insultado polos socialdemócratas, incomprendido por liberais e democratacristiáns, o León de Vilalba ven de recibir unha cálida homenaxe polo papel preponderante desempeñado na liquidación do COLONIALISMO ESPAÑOL e por propiciar a INDEPENDENCIA… de Guinea!!!
Si, señores e señoras leitoras, faltaban aínda 5 anos para que Beiras editase “O atraso económico de Galicia”, en 1973, teríamos que esperar 20 anos máis para que Paco Rodríguez lese a súa famosa tese doutoral sobre Rosalía, con Carvalho Calero no tribunal, habería que agardar arestora 33 anos para que Camilo Nogueira nos deleitase coas súas disquisicións esencialistas en “A memoria da nación. O reino de Gallaecia”, de 2001… e xa don Manuel asinara, o 12 de outubro de 1968, os documentos que recoñecían a independencia do país africano, coma un auténtico líder da liberación nacional que emulase os mellores anos de Simón Bolívar, Ho-Chi-Minh Amilcar Cabral, Mao-Tse-Tung e outros tantos mais.
Aconteceu daquela que o réxime franquista fuxiu por patas do embolado africano antes que meterse nunha guerra semellante á que os EEUU estaban a perder xa na Indochina, e a Fraga tocoulle viaxar a Malabo como representante máximo do goberno fascista, pois o ministro de exteriores da época, Fernando María Castiella, considerou mais prudente enviar un acólito, a saber, o noso paisano.
Incrédulos, atónitos, descubrimos que agora, en pleno verán de 2009, unha delegación española ven de viaxar a Malabo para conmemorar os 40 anos do evento independentista e “estreitar relacións”, aproveitando que hai petróleo e pelotazo á vista. O Sr. Moratinos, o noso ministro de exteriores, encabezou a comitiva, mais a figura convidada, o heroe da xornada, foi o Sr. Iribarne.
Sobre o homenaxeado, sobran as palabras, bastante coñecido é xa por estes lares.
E quen son os homenaxeantes? Pois é xente do mellor: o Sr. Teodoro Obiang, ditador da ex-colonia nos últimos 30 anos, despois de derrocar e fusilar ao seu padriño e mentor, o Sr. Francisco Macías Nguema, que era tamén o ditador anterior nos 10 primeiros anos da “independencia”. O mellorciño de cada casa.
Nin que dicir que os anfitrións bunquerizaron nesas décadas un país rico en recursos naturais, con unha das poboacións máis pobres do planeta. Sóalles iso, nonsí?
Mais o querido leitor ou leitora preguntará: daquela, que interese ten o Partido Socialista en sacar a paseo o seu ministro con semellantes monstros? Pois ten o interes superior do estado. Ou sexa, os de Repsol, Campsa, Acciona, Telefónica, empresas de armamento e todo un rosario de boa xente tamén ela. Para facer negocio…
E quen mellor que o León de Vilalba -un “primus inter pares”- para oficiar de intermediario?
Pensará Moratinos que é un grande estratego, e non me cabe dúbida de que debe selo.
Magoa que a tromboflebite tivese levado xa, hai ben de anos, a Francisco Franco Bahamonde, e que Adolf Hitler perdese a guerra e se voase os miolos (se é que iso é certo, que desconfío, calquera día descubrimos que acaba de morrer placidamente nalgunha fermosa facenda do Paraná brasileiro ou da pampa arxentina).
De non terse dado ese par de lutuosos eventos, O Sr. Moratinos podería aínda enviar a Franco nunha outra embaixada a establecer boas relacións cos nazis alemáns en busca de beneficios para as nosas “empresas nacionais”.
Descargar Tarifas