PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Xosé Manuel
Barreiro
Vicepresidente do PP de Galicia
Galego, un debate trampa
 13.07.2009 | 19:23

A defensa do propio non leva consigo necesariamente, e non debe facelo, de feito, excluír o dos demais. Non se trata de caer, se me permiten a expresión, nunha  visión minifundista que nos impida ver o bosque.
 
Dito isto, quixera facer, a raíz do rebumbio que hai ao redor do galego, unha somera reseña histórica por aquilo de que é importante saber de onde vimos para comprender onde estamos.
 
Os principios do galeguismo do PP, cos que eu me sinto completamente identificado, baseados na defensa da idiosincrasia societaria galega e influídos pola ineludíbel tradición cultural, lingüística e do contorno, ten como único fin a execución dun proceso encamiñado a facer do pobo galego o principal protagonista da historia de Galicia. Unha concepción que se concreta nun proxecto político que pretende acadar as cotas de autogoberno máis altas posíbeis.
 
Se os principios do noso galeguismo se sustentan sobre o pacifismo, a tolerancia, o liberalismo e a democracia, é lóxico que a nosa acción política sexa integradora, plural, diversificadora e solidaria. O centrismo do PP lévanos a entender o diálogo e a negociación como a única vía de entendemento posíbel.
 
O PP foi sempre contrario ás rupturas e defensor a ultranza da integración, que non só respecta a diferenza senón que a destaca. Lonxe por tanto do quebrantamento da unidade, a nosa posición encamíñase á defensa do propio pero evitando menosprezar outras opcións.
 
Ser galego non é incompatíbel con ser español ou europeo. Un formulamento absurdo, dito sexa de paso, nun mundo cada vez máis globalizado. A defensa da identidade de Galicia debe principiar por dar a coñecer e poñer en valor os elementos diferenciadores e definitorios que nos fan únicos: a nosa lingua, a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa paisaxe… Pero defendelos (insistiuse moito niso durante a pasada lexislatura do bigoberno PSOE-BNG)  non significa impoñelos. Falar galego, insisto, non é incompatíbel con falar castelán, inglés ou calquera outro idioma.
 
Por todo o exposto, non é esaxerado concluír que o compromiso galeguista do que sempre fixo honra e gala o PP de Galicia é irrenunciábel. Para min é, de feito, un elemento vital, un principio non só a manter, senón a potenciar.
 
Engado outra reseña histórica, que parece que algúns están empeñados en obviar.  As principais medidas normativas adoptadas na defensa e regulación do uso do galego (a Lei de Normalización e o Plan Xeral de Normalización) foron auspiciadas por un goberno do PP presidido por Manuel Fraga e contaron, ademais, co consenso social e coa unanimidade parlamentaria.
 
O galeguismo e a defensa e promoción do uso do noso idioma son, como non podería ser doutro xeito, piares sobre os que se sustenta o ideario do PPdeG, e que ninguén albergue, insisto, ningunha dúbida sobre iso.
 
A reiterada e intencionada intoxicación que nas últimas semanas se está a facer sobre o tema é desproporcionada e está fóra de lugar. Rexeito frontalmente esa dicotomía avivada dende algúns ámbitos e sobre todo dende algúns sectores políticos que parecen obrigar a elixir entre o galego ou o castelán, redundando na idea de que a defensa dunha leva consigo inescusabelmente o rexeitamento da outra.
 
É éste un formulamento con trampa. Totalmente alleo, ademais, ao sentimento maioritario da sociedade galega porque o bilingüismo cordial non é unha denominación de novo cuño senón só unha adxectivación da realidade.
 
Neste contexto penso que hai que redobrar os esforzos para lle transmitir axeitadamente á sociedade galega o que significa a harmonía lingüística que, como xa dixemos, forma parte indisolúbel da nosa identidade como galeguistas, e deixar así baleira de contido esa estratexia de polarización que algúns están a alentar. Neste senso, non teño dúbida de que o executivo galego actuará concienzudamente e non escatimará vontade e empeño en escoitar e sobre todo en acadar o maior grao de participación e de consenso sobre unha cuestión que é cousa de todos. A lingua é, á fin, un dos factores determinantes para definir a identidade dun pobo e, por iso, a unanimidade debe presidir calquera decisión que se adopte a este respecto.
 
Feito o inciso, retomo a idea da trampa á que nos están a levar neste artificial conflito do galego. Que alguén a estas alturas pretenda obrigarnos a proclamarnos cervantinos ou rosalianos vén ser algo así como esa pregunta retórica, malintencionada ou tendenciosa que se lles fai aos cativos: a quen queres máis, a papá ou a mamá?
 
En fin, penso que todo este rifirrafe é desproporcionado e está fóra de lugar e sobre todo de época. Avogo, así, por facer uso do sentido común e impoñer algo de sensatez. Son partidario de voltar a vista, por exemplo, cara a Ramón Piñeiro, defensor a ultranza do galego coma un compoñente cultural diferenciador e propio e sempre partidario de despoxalo de calquera bandeira política, precisamente pola súa dimensión global e aglutinadora que lle dá sentido ao ser e ao sentirse galego.
 
Penso que a posición expresada pola Real Academia Galega na véspera da celebración do pasado Día das Letras constitúe un referente a ter en conta de cara á consecución do obxectivo que vimos comentando de acadar un acordo social integrador, a prol do uso, a dignidade e a continuidade do noso idioma.
 
En definitiva, o noso esforzo debe estar encamiñado a lograr o fin último no que todos, independentemente de cal sexa a nosa ideoloxía política, coincidimos: a defensa da nosa lingua como sinal de identidade propio e intransferíbel.
 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río