Redacción . Escritores e artistas participaron nun dos actos de peche da IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrou onte en Muros. A bordo do buque alxive Hydria botaron ao mar unha chea de mensaxes que navegan ao azar de ventos e correntes.
Un dos actos máis emotivos do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrou nos últimos catro días en Muros, foi o da botadura de mensaxes ao mar. Neste acto participaron unha ducia de artistas e once escritores galegos. A bordo do buque Hydria botaron ao mar na entrada de ría de Muros e Noia co Monte Louro como testemuña, unha morea de mensaxes que agora navegan seguindo as correntes mariñas. Este acto, coordenado polo escritor Francisco 'Chisco' Fernández Naval, e bautizado como 'Unha mensaxe ao mar' consistiu, en palabras do propio coordenador “nunha instalación creativa, global e oceánica”. Nesta instalación os escritores escribiron textos en galego e inglés que posteriormente foron introducidos nos obxectos deseñados polos artistas. As únicas condicións previas ao deseño foron que tiveran flotabilidade, que foran estancos e feitos con materiais respectuosos co medio ambiente. O vello bueque Hydria foi o escenario elixido para este acto co que se pretende achegar o proxecto 'Unha mensaxe ao mar' máis aló das rías galegas. Entre as numerosas actividades incluídas nesta activa fin de semana centrada nas embarcacións tradicionais destacou en terra a representación dunha descarga de peixe feita polo Grupo Municipal de Teatro de Muros en colaboración coa Asociación 'As Rosalías'. Estes colectivos escenificaron unha descarga tradicional de sardiña na dársena da vila muradá o pasado sábado. Na representación os mariñeiros recolleron das lanchas xeiteiras o cargamento de sardiña pescada e, acompañados por unha charanga, dirixíronse cara o interior de Muros para simular a venda do peixe e tomar unha cunca de viño con todos os visitantes.
O escritor 'Chisco' Fernández Naval lanza un dos obxectos con mensaxe a bordo do Hydria.
1 / 6
Representacións
Descargar Tarifas