
Raymond Poulidor a carón de Lance Armstrong no podium do Tour de France de 2005; [arriba] Poulidor en carreira. .
Aos San Fermíns asistín durante catro anos consecutivos. O pasado verán rompín esa xeira, que ía camiño de me levar a conquistar un guinness festeiro ou algo así. Podo falar algo, logo, das características de tan singular evento. Primeiro de todo, no que se refire basicamente á circunstancia lúdica, festiva e borracheira, pois... iso precisamente, que é unha gran borracheira. Un botellón no que participan perto de tres millóns de persoas. Cifra de xente que bebe, mexa e dorme polas rúas, como se aquilo fose un macroplató de “Callejeros”. É unha festa que eu recomendo, aínda que só sexa unha vez na vida. Persoalmente deixei de ir o día que miña nai me descubriu nun informativo nacional durmindo nunha rotonda:
–Eras ti? Eras ti, non?
–Non mamá, era un co mesmo “garsei”.
–Si, vai ser coincidencia, outro rapaz co suadoiro das festas de Anguieiros do 99.
–Aquel ano veu moita xente…
Menos mal que non soubo xamais que o primeiro ano corrín o encerro. Eu considérome antitaurino, ou máis ben, antitoureiros, que eu contra os animais non teño nada. Pero os encerros gústanme... por televisión, mellor. Pola tensión, pola tradición e sobre todo por como o viven os autóctonos ou a xente experimentada que dende diferentes puntos se achega a Iruña. Eu corrín unha vez, por curiosidade e por ter esa anécdota que poder contar algún día nun blog. Foi algo intenso, emocionante e adrenalínico. Como a primeira vez que saltei dende a pena máis alta do río Sil ao seu paso por Montefurado. Naquela ocasión fíxeno empuxado polo resto da cuadrilla... e cando digo empuxado é literal. Fillos de...
Outro animal que deu moito espectáculo esta semana foi Cristiano Ronaldo. Pero o que é realmente unha animalada é o que vai cobrar o guicho: nove millóns de euribors. Hai uns dias, nunha reportaxe de televisión, dicían que Ronaldo tamén será mileurista... pero por hora. Por hora!! Nada máis escribo sobre este tipo, que me poño de mal sangue... Ai iso si, ten un pelaso!
Seguindo co deporte. Arrancou o Tour! Hai máis dunha semana que empezaron os máis de tres mil quilómetros de percorrido, que só con teclear a cifra no PC xa súo e todo. Un dos atractivos da proba gala, polo menos para os barceloneses, era o seu esperado paso pola cidade condal, despois de máis de 40 anos. Con choiva recibimos os ciclistas. Dous dias que chove, e cáelles enriba. Caeulles a choiva e caeron eles polas rúas da cidade, porque houbo cada costrelazo no asfalto... A min o paso do pelotón colleume sacando o lixo, e puiden chiscarlle o ollo a Armstrong, que me devolveu un resoprido como dicindo "Quen me manda a min!"
Dubido que lles deixen aos ciclistas escoitar música mentres soben o Tourmalet, pero de ser así, voulles recomendar un grupo co que seguro poderán prescindir da dopaxe, para se enfrontar a esas duras etapas. Dende São Paulo, o grupo de música electrónica Cansei de Ser Sexy, moi boa caña!
Descargar Tarifas