Redacción . Galaxia presentou esta mañá, no compostelán Pazo de Raxoi, o novo título da colección 'Biblioteca Compostela de Narrativa Europea'. A tradución ao galego da última novela de Orhan Pamuk é a segunda que se fai en todo o mundo, logo de traducirse do turco para o alemán.
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais de Compostela, Socorro García Conde, acompañou o director e ao directo literario de Galaxia, Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, para presentaron a tradución ao galego d'O Museo da Inocencia, do escritor turco Orhan Pamuk, incluído na colección "Biblioteca Compostela de Narrativa Europea". Xorde, como lembrou a concelleira, da colaboración entre a Concellaría e Galaxia, coa fin de "situar o galego como lingua de cultura en Europa e no mundo", e permitir o acceso á literatura universal na nosa lingua, contribuíndo á "normalización lingüística e cultural". Títulos para o ano Amor obsesivo e loita de clases O museo da inocencia é o que Kemal, fillo dunha das familias máis ricas de Istambul, vai acumulando ao longo do seu amor imposíbel, obsesivo e secreto por Füsun, unha moza de 18 anos de clase traballadora. Ambientada a mediados dos 70, e ao longo de máis de 700 páxinas, esta novela, como explica Lema, denuncia tanto a experiencia amorosa entendida en termos de posesión como as relacións entre unha clase social e outra, entre a "modernidade" da burguesía occidentalizada e a sociedade tradicional, e as clases populares, no Istambul daquel tempo. Lema salienta tamén a importante documentación e exhaustiva descrición que atopamos na novela (en Galaxia completárona cun índice dos personaxes reais que aparecen), e destaca, entre as influencias de Pamuk, a Flaubert e Proust.
Víctor F. Freixanes, Socorro García Conde e Carlos Lema presentan 'O museo da inocencia', de Orhan Pamuk.
Este é o décimo quinto título da colección, e o terceiro de Pamuk, logo d'O castelo branco e Istambul, e ao longo deste ano publicarase Neve. É a primeira novela que publica dende que lle deron o Nobel no 2006, e está a levantar grande expectación e toda Europa. Cabe salientar que o galego é a terceira lingua en que se publica: logo do turco orixinal, só foi traducida ao alemán, e despois xa en galego. Freixanes louvou o traballo dos tradutores, Bartug Aykan e María Alonso Seisdedos.
Lembrou tamén que existe un compromiso con Pamuk para publicar toda a súa obra en galego. Neste sentido, a aposta de Galaxia conseguiu que, por exemplo, do autor sardo Flavio Soriga, que non está traducido a ningunha outra lingua europea, poidamos ler Sardinia Blues en galego, ou que Martin Amis soubese da existencia da nosa lingua cando se traduciu A casa dos encontros. "Non sempre ten repercusión na prensa todo este esforzo", sinalou Freixanes, "pero o apoio da concellaría fai posíbeis este tipo de audacias".
Os títulos que se publicarán ao longo do ano, mantendo a "coherencia e continuidade co corpus" da colección, serán, amais de Neve, do propio Pamuk, A sona. Unha novela en nove historias, de Daniel Kehlman (de quen podemos ler na mesma colección A medición do mundo), Os once, de Pierre Michon, e A rolda nocturna, de Sarah Waters, premio de Novela Europea Casino de Santiago, polo que se contará coa presenza da autora para presentar a novela cando estea editada, do mesmo xeito que Anna Gavalda ou Kazuo Ishiguro pasaron pola cidade.
Descargar Tarifas