Xurxo Salgado . O presidente da Xunta foi hoxe tallante na defensa da actuación dos medios de salvamento marítimo e insistiu en que o Goberno galego non ten potestade para impedir que os barcos saian a navegar con temporal.
Rolda de prensa de Touriño logo do Consello da Xunta.
Emilio Pérez Touriño amosouse contrario a lexislar sobre esta cuestión porque asegurou que “hai distintas augas, flotas e mares diferentes”. Por iso, considerou “inviable” que se tente regular esta situación. “Non hai prohibición sobre isto e o que hai que ter é responsabilidade”, dixo en alusión a armadores e mariñeiros porque, “unha administración non pode regular o tráfico de flotas diferentes en mares diferentes”.
“Non hai normativa nin española nin europea que permita tomar medidas cos barcos que están no mar”, insistiu. “É como se nun sitio hai neve e se recomenda non pasar, pero a responsabilidade é do condutor”, engadiu. En todo caso, especificou que, só se os buques están amarrados é responsabilidade do capitán marítimo tomar a decisión de deixar que saian a faenar ou non.
Outra cousa diferente, segundo matizou, é que a Xunta poida aumentar as medidas de seguridade e “facelo mellor” en caso de accidente marítimo. Non obstante, precisou que no caso do naufraxio do 'Cordero' os servizos de salvamento actuaron con “toda a súa capacidade e entrega”. “Non hai ningún atraso que se poida detectar de entrada”, apuntou sobre as labores de salvamento marítimo.
Críticas
Neste sento, e sobre as críticas sobre a actuación dos helicópteros que acudiron ao lugar do rescate, Touriño subliñou que”entende a inquietude” que chega dende certos ámbitos pero matizou que a situación do mar na zona, con ondas de máis de nove metros e fortes ventos, “impediron” que os helicópteros se puideran manter nun mesmo sitio para sacar ás persoas.
Sobre o actual despregue de medios, Touriño destacou que é “extraordinario” e dixo que, actualmente, traballan na zona dous remolcadores, dous avións, tres “salvamares” e efectivos de protección civil dende Cedeira ata Estaca de Bares”.
Descargar Tarifas