
A Unidade Móbil do Norte da CEMMA, con base na sociedade Galega de Historia Natural-SGHN de Ferrol é a encargada de prestar o servizo de asistencia aos animais varados na Mariña. Os especialistas confirmaron na tarde do venres 3 de xullo que a quenlla se trataba dunha femia de momo (cetorhinus maximus), tamén chamado peregrino, de 450 cm de lonxitude. Os especialistas da CEMMA achegáronse coa embarcación de Protección Civil, e con moito coidado o estiveron observandoo baixo a auga. O peixe leva catro rémoras acompañantes no rabo mais o seu estado de saúde é bo.
O peixe momo é unha quenlla, mais con dentes minúsculos, un animal filtrador que se alimenta de plancto, ao igual que as baleas. Cos seus 11 metros de lonxitude, como máximo, é a segunda especie de peixe máis grande do mundo, despois do coñecido como quenlla balea das augas tropicais. O exemplar estaba alimentándose na zona porque o mar estaba calmo neses días e había unha cantidade enorme de plancto que ocupaba até dous metros de profundidade, tal e como aseguraron mergulladores que diariamente frecuentan a zona. A pesar de que este achegamento é inusual, non podemos esquencer que hai anos eran capturadas nesa zona con arpón, sendo a única zona de Galicia onde a súa captura era regular.
Actuacións negativas non desexábeis
As quenllas teñen mala prensa porque de cando en vez comen a algún surfista amigo, tamén polo suspense cinematográfico da serie de Steven Spielberg, e semellantes. Debido á esta consideración, e á negativa influencia dalgúns medios sensacionalistas, algúns momos foron matados tan só para evitar que frecuentasen as praias, así pasou en Gijón no 2005 e noutras praias españolas. Este é un comportamento froito da ignorancia. Hai que lembrar que o momo é unha especie inofensiva, está incluída na lista CITES e que moitos países a consideran especie protexida, polo que o mellor xeito de reclamar a súa protección é traballar diariamente por ela.
Comparar un momo cun marraxo é como comparar unha vaca cun tigre, ambos corren a catro patas e pouco máis teñen en común no seu comportamento.
A presenza de calquera animal mariño perto dunha praia (tartaruga mariña, cetáceo ou lobo mariño) é habitualmente monitorizada pola CEMMA e Protección Civil. O comportamento diante dos animais debe ser, por tanto, exemplar, de seriedade e rigorosidade. Calquera acción que se poña en marcha sobre eles terá como obxecto a salvagarda dos exemplares e a seguridade das persoas. Así, consideramos que debe transladarse á sociedade a través dos medios de comunciación para que comprendan a situación e colaboren cos obxectivos das accións.
Descargar Tarifas