PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Baldo Martínez, director de Imaxina Sons
‘O jazz forma xa parte da nosa cultura’

Mar Barros O contrabaixista Baldo Martínez, un dos músicos máis representativos do jazz contemporáneo feito na Península, dirixe por quinto ano consecutivo o festival de jazz Imaxina Sons, que se celebra en Vigo até o 5 de xullo, e que lle abre unha fiestra as correntes máis innovadoras que se están a producir no jazz europeo.

Reloxo 04.07.2009 | 10:14

Baldo Martínez Baldo Martínez

Con só 5 anos, o Imaxina Sons consolidouse como festival de referencia no Estado. Cal é a clave?
 
Imaxina Sons non se artella ao redor dunha programación ao uso senón que ten un carácter divulgativo que persegue dar a coñecer a actualidade do jazz europeo, en especial as propostas menos estandarizadas. Fíxose así cunha personalidade diferenciada que lle serve de catalizador dun público tanto galego como internacional que medra cada ano.
 
Propón jazz para o verán vigués. Pero, agachase algo máis detrás do cartel?
 
O festival ten unha intención clara: mostrar as propostas que dan pasos cara adiante no xénero e demostrar que o jazz ten claves máis alá das exploradas polas bandas americanas. Para iso partimos do entorno máis próximo, dando cabida aos proxectos galegos que emerxen con forza. Outro dos puntais está na escena jazzística estatal, da que priorizamos os proxectos máis persoais. Movémonos sempre dentro do jazz europeo que é o máis esquecido en España. Os festivais teñen a vista posta nos Estados Unidos pero non prestan atención ao jazz que medrou en Europa.
 
Cales son os desafíos dun festival de jazz?
 
Un festival debe reflectir a realidade na que se inscribe e non pelexar simplemente por conquistar ao público, que é o máis habitual. As institucións deberían acometer un labor divulgativo e non apuntarse a proxectos que xa funcionan por si sós. Nos anos 80, cando apareceron os grandes festivais de jazz, os concertos celebrábanse nos multitudinarios pazos de deportes. O de San Sebastián comezou no velódromo de Anoeta, pero agora encher a praza de la Trinidad, con aforo de dúas mil persoas, é máis complicado. Os hábitos do público mudaron. Naquel momento, España saía dunha ditadura e había moitas ganas de escoitar músicas novas. Por outro lado, xurdiu unha moda á que a xente se apuntou por oportunismo e por curiosidade, pero que non consolidou público. Despois de varias décadas, estamos nas cifras reais. O ideal é que ese número medre pero non a calquera prezo.
 
Que papel xoga o jazz galego no festival?
 
É fundamental coñecer o próximo. Os mitos son un fenómeno irremediábel desta sociedade pero cómpre darlle aos nosos músicos a importancia que merecen porque forman parte da nosa cultura. Se os desprezamos quedaremos sen identidade. Poderíase pensar que o jazz, por ter orixe en Estados Unidos, non forma parte da cultura galega, pero cometeríase un erro. A cultura medra e evoluciona constantemente. Cada vez hai máis músicos en Galiza con proxección internacional e máis espazo no que traballar.
 
Cal é o balance destes cinco anos de festival?
 
Positivo. Nas primeiras edicións tentamos rachar cos tópicos creados ao redor do jazz como o de que os músicos tiñan que ser negros americanos ou tocar necesariamente a trompeta, o contrabaixo ou a batería. O ano pasado produciuse un punto de inflexión e pensamos que o público entendeu que o jazz é moito máis ca iso.
 
Que diagnóstico fai da situación actual que vive o jazz en Galiza?
 
Agora mesmo Galiza acapara as iniciativas e as dinámicas máis novidosas do Estado. De feito, un dos selos discográficos con máis peso dentro do jazz no Estado, Karonte, leva practicamente a todos os artistas galegos que están a despuntar. É sintomático da boa saúde. Tamén están en marcha diferentes escolas e xa se cumpriron tres anos da especialidade de jazz no Conservatorio da Coruña, que só hai catro comunidades que o teñan.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río