PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Manuel
Bragado
Editor
Roberto Varela, o conselleiro que chegou de Nova York
 04.07.2009 | 09:56

O sábado 19 de abril, ao tempo que Belén Regueira informaba no seu “Extrarradio” dos nomeamentos do novo Goberno Feixóo, María Yáñez, Yago Avilés e mais eu tuiteabamos a escasa información dispoñible na rede sobre Roberto Varela Fariña, o novo conselleiro de Cultura e Turismo, para nós os tres un absoluto descoñecido. Yago deu decontado con dúas entrevistas. Na primeira, publicada en 2004 nunha revista hispana, o novo responsable de Asuntos Culturais do Consulado de España en Nova York anunciaba a súa iniciativa de “rachar cos tópicos e dar unha imaxe da España real”. A segunda de 2005, publicada na última de “La Voz de Galicia” e sen sinatura, abría cun titular contundente: “Diplomacia gallega en Nueva York”; completado dun “ladillo” explicativo: “El mundo a los catro vientos. Roberto Varela natural de Dena, ocupa el consulado español de Asuntos Culturales en la Gran Manzana, tras haber pasado por las embajadas de Bonn y Kuwait”.

Poucos minutos despois a achega de María foi aínda máis soprendente, tratábase dunha longa entrevista de case media hora de duración, gravada de forma informal no Central Park novaiorquino, no mes de decembro de 2007, por  Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para un seu documental sobre creación contemporánea. Por certo, os mesmos autores colgaron hai dous meses, unha segunda parte daquela entrevista, que permanecía até entón inédita, na que, a pesar da súa prudencia de diplomático, critica algúns excesos dos políticos da cultura, ao tempo que propón as características e a continuidade que debe ter a promoción cultural das diferentes comunidades autónomas no exterior. Semanas despois, soubemos, que fora Telmo Martín, o antigo alcalde de Sanxenxo, quen suxerira a Feixóo que chamase ao diplomático arousán para dirixir a Cidade da Cultura.

Todas aquelas entrevistas con Roberto Varela, sobre todo a gravada, sorprendéronme favorablemente, o que me levou a escribir no meu blog o mesmo día a seguinte anotación: “O novo conselleiro de Cultura fala un galego estupendo e o que expresa nas entrevistas é moi sensato, apostando por unha imaxe moderna de Galicia e de España que poida competir no mundo. Ollo sobre o que di sobre o Camiño de Santiago e a súa proxección internacional. Sabemos que é amigo do escultor Leiro. As palabras desta entrevista comprométeno. Un nomeamento esperanzador.”

Tras a súa toma da posesión, os perfís biográficos publicados, como as primeiras declaracións e entrevistas do propio conselleiro, insistían no seu carácter cosmopolita e viaxeiro; no seu dominio de linguas (fala inglés, alemán, francés e un moi aceptable galego dialectal da Arousa); no seu carácter de cinéfilo e wagneriano adicto (preferencias musicais, máis tarde, enriquecidas como “dylaniano militante”); na súa filia pola obra literaria de Ferrín (o único autor galego citado entre as súas preferencias literarias); no seu interese polo mundo das artes plásticas; na súa experiencia de dez anos como xestor cultural forxada cando foi Subdirector General de Cooperación y Promoción Cultural Exterior até 2001, no segundo goberno Aznar, e durante a súa  estadía de Nova York na que se encargou de establecer as colaboracións do Consulado de España (representando tanto ao Goberno como as Comunidades Autónomas) con entidades da importancia do Carnegie Hall, o MoMA, o Metropolitan Museum ou o Lincoln Center.

No entanto, as súas primeiras declaracións públicas como conselleiro demostraron que Roberto Varela, tras vinte anos fóra de Galicia, necesitaba tempo e moita axuda para “ambientarse” (foron as súas palabras) no país e poder identificar os trazos e as liñas dun mapa cultural do que practicamente descoñecía todo e que atopou (como recoñeceu) máis diverso e mellor estruturado industrialmente do que agardaba. Aqueles esvaróns da súa primeira semana, na que utilizaba categorías prexuizosas, cando non abertamente desinformadas  (“A cultura galega está moi ben, pero limita, prefiro a cultura feita en Galicia”), ou se presentaba en actitude premeditamente “casual”, comendo un bocadillo e unha Coca Cola no propio despacho mentres era entrevistado, deron paso a outras declaracións moito máis prudentes (“Apostamos pola proxección internacional da cultura galega”) e actitudes máis politicamente correctas, como puidemos comprobar na súa medida intervención na homenaxe que o PEN de Galicia tributou ao escritor Marcos Valcárcel.

Mudanzas

A estas mudanzas non foron alleas nin a toma de contacto coa realidade que supuxeron as primeiras entrevistas cos representantes dos sectores da nosa industria cultural (dende editores, actores a escritores) nin a reorientación proporcionada polos membros do seu equipo (polo momento aínda incompleto, xa que faltan por nomear os responsables de AGADIC [nomeado o 2 de xullo] e do CGAC, dúas das institucións que xestionan maior orzamento e proxección da Consellaría) nin, mesmo, o protagonismo adquirido polas declaracións doutros conselleiros (singularmente Xesús Vázquez, o conselleiro de Educación) e do propio presidente Feixóo sobre a cuestión da lingua, que foron comendo protagonismo mediático ao que semellaba sería o conselleiro máis libre (criticou abertamente a política lectora dos gobernos Fraga), máis independente (non é militante do PPdeG) do actual Goberno Galego.

Porén, a comparecencia de Varela no Parlamento o pasado 9 de xuño, para presentar o seu programa de actuación supuxo a definitiva perda da súa inocencia como político independente. Priorizando toda a súa actuación no triple eixo formado pola programación de actos do Xacobeo 2010 (conseguirá que veña a Compostela Bieito XVI?), polo apoio ao sector turístico e pola continuidade das obras da Cidade da Cultura (o proxecto do que cría ía ocuparse e onde aposta por un modelo de financiamento mixto e unha xestión integramente pública), a súa proposta cultural para a lexislatura semella quedará moi reducida ao cumprimento dalgúns puntos do programa electoral do PPdeG.

Sometido aos criterios impostos por Feixóo de austeridade formal (os orzamentos da consellaría de Cultura sufrirán un recorte moi importante) e de asunción dunha cultura expresamente bífida (o conselleiro non perde oportunidade nas súas intervencións de atacar “a influencia do nacionalismo” que provoca que “vivamos acomplexados por demasiados prexuízos”) e escasamente implicada co futuro da lingua (unha cuestión sobre a que sistematicamente bota balóns fóra), o resto da xestión de Roberto Varela semella estará centrada na organización dalgúns grandes eventos internacionais (aquí pode haber sorpresas) e na continuidade, rebaixada orzamentariamente, dalgunhas das liñas e programas trazados con anterioridade (apertura da Biblioteca de Galicia, 2010 ano da lectura, desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura, nova Lei de Bibliotecas, reforma da Lei do Patrimonio, presenza da cultura galega no exterior…).

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río