Europa Press . Un informe da Avogacía do Estado recoñece o deber á utilización de 'as dúas linguas cooficiales -galego e castelán' na redacción de impresos, sinalización e carteis da capitanía marítima de Burela, logo da esixencia de tres traballadores que denunciaban 'incumprimentos e irregularidades' na aplicación da lexislación lingüística.
En rolda de prensa, un dos traballadores, Brais Fernández Prieto, considerou que as conclusións do documento emitido pola Avogacía do Estado dálles a razón de cara á denuncia que presentaron por "non poder utilizar o galego no traballo", como recoñece a lexislación "que está en vigor". Así mesmo, pediu "o cesamento inmediato" do capitán marítimo de Burela, Rafael Casanueva, por provocar unha situación de "acoso laboral" por mor das súas esixencias. "Facemos público este informe, porque queremos restituír a dignidade que nos roubaron e porque queremos deixar claro que a nosa actitude sempre foi respectuosa coa Lei e cos dereitos das persoas, até con aquelas que dixeron que tratabamos de impor o uso do galego", aclarou Fernández. Tras presentar unha denuncia o 25 de novembro na Subdelegación do Goberno de Lugo e a Oficina de Linguas Oficiades na que reclamaban o cumprimento da lexislación do galego na Administración Xeral do Estado, os tres traballadores aseguraron que Casanueva "tomou represalias" ao cambiarlles de posto de traballo sen marcarlles unhas pautas concretas, ou que até sufriron "faltas de respecto e exceso de carga de traballo" que lles obrigou a pedir a baixa laboral. Ademais, Fernández criticou que o texto da Avogacía do Estado, con data do 18 de febreiro de 2009, permaneceu "oculto durante tres meses e medio, logo de serlle entregado ao Director Xeral da Mariña Mercante", até o 1 de xuño. "Este informe di que temos a razón en todas as irregularidades que denunciamos fai xa sete meses", destacou. Bilingüísmo Concretamente, o texto fai referencia ao dereito dos funcionarios das capitanías marítimas de Galiza a "instruír os procedementos para os cales sexan competentes" tanto en galego como en castelán. Así mesmo, sinala que os topónimos legalmente admisíbeis "son os sinalados pola Comunidade Autónoma Galega"; que a bandeira oficial da Comunidade Autónoma "debe ser utilizada nos edificios das capitanías marítimas do Estado xunto á bandeira estatal"; e que as dúas linguas oficiais "deben utilizarse na redacción dos impresos normalizados que se poñan a disposición dos cidadáns". Finalmente, os traballadores lamentaron que se produza "unha situación así" nunha poboación -Burela- na que "máis do 90 por cento dos habitantes falan galego", polo que, entre outras cousas, pediron "que se aplique a lexislación" lingüística e se elaboren "unhas directrices para que non se repita este conflito".
Descargar Tarifas