Redacción . O Consello de Ministros aprobou este venres o Plan Moto-E, que contempla axudas para a adquisición de motocicletas e ciclomotores por un importe máximo de 750 euros, e está dotado cun orzamento de nove millóns de euros.
Segundo o Goberno central, a iniciativa enmárcase no conxunto de medidas de apoio ao sector da automoción e ten como principais obxectivos modernizar o parque de vehículos de dúas rodas, incentivar a demanda e manter o emprego no sector. O sector das dúas rodas viuse moi afectado pola contorna económica xeneral. No primeiro cuadrimestre do ano, as vendas de motocicletas e ciclomotores caeron un 53 por 100 e un 57 por 100, respectivamente, fronte ao mesmo período de 2008. Ante esta situación, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio considerou necesario implementar un novo marco de axudas directas para a adquisición deste tipo de vehículos denominado Plan Moto-E. As axudas do Plan Moto-E divídense en tres tramos e están condicionadas a que o fabricante ou importador do vehículo adquirido tamén outorgue unha subvención directa. As Comunidades Autónomas que decidan adherirse ao Plan poderán sumar as axudas propias que consideren oportunas. Os ciclomotores, até 50 c.c de cilindrada, recibirán 225 euros: 75 euros achegados polo Goberno e o resto polo fabricante/importador; as motos de ata 250 c.c., 525 euros: 175 euros do Executivo e o resto do fabricante/importador; pola súa banda as motocicletas cunha cilindrada superior aos 250 c.c. recibirán 750 euros, 250 euros do Executivo e o resto do fabricante/importador. O Plan Moto-E ten unha dotación orzamentaria do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio de nove millóns de euros e aplicarase ás compras de vehículos de dúas rodas que se realicen desde a entrada en vigor do Real Decreto que regula o Plan ata o 30 de xuño de 2010 ou ata o esgotamento dos seus fondos se se produce antes desta última data. De acordo coa información facilitada polo propio Executivo, a xestión das axudas realizarase mediante unha entidade colaboradora. A solicitude das mesmas farase a través dos axentes de vendas, que adiantarán as deducións das axudas públicas e despois serán liquidadas pola entidade colaboradora, previa presentación da documentación xustificativa. Cando a entidade colaboradora detecte que se aplicou o 80 por 100 dos fondos públicos previstos fará un prorrateo da cantidade restante entre os axentes de venda en función das axudas que cada un aplique até ese momento.
Poderán acollerse ao Plan Moto-E particulares, autónomos e PEME que adquiran un ciclomotor ou motocicleta novos cuxo prezo non supere os 9.500 euros, IVE incluído e imposto de matriculación excluído, antes de aplicar ningunha das axudas, e que dean de baixa outro vehículo sen límite de quilometraxe que cumpra as seguintes características:
* Os ciclomotores e as motos de ata 250 c.c. de cilindrada deberán ter unha antigüidade de máis de cinco anos.
* As motocicletas con cilindrada cunha cilindrada maior de 250 c.c deberán ter unha antigüidade superior a sete anos.
Quedan excluídos os vehículos de dúas rodas de segunda man e as motocicletas de máis de 74 KW (100CV) de potencia cunha relación potencia/peso igual ou superior a 0,66.
Descargar Tarifas