PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Presentará mocións nos concellos e deputacións
Campaña do PSdeG contra a supresión dos libros gratis

Europa Press O PSdeG anunciou que, ante o 'ataque directo á educación pública' perpetrado pola Xunta, presentará desde 'xa' mocións en todos os concellos galegos e nas deputacións provinciais e recollerá firmas nos meses de xullo e agosto en contra da supresión da gratuidade dos libros de texto.

Reloxo 03.07.2009 | 14:20
TAGS: PSdeG , libros ,

Manuel Vázquez co responsábel de Educación do PSdeG, Guillerme Meixón. AGN

O secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, explicou en rolda de prensa que moitos pais están "atónitos" ante a medida anunciada pola Consellaría de Educación, polo que "loitarán contra a inxustiza social" e buscarán que a gratuidade dos libros sexa un "acordo de Estado".

Deste xeito, o PSdeG promoverá en todos os concellos mocións nas que se recollerá que a educación constitúe un "dereito básico e universal" para toda a cidadanía. Nelas, os municipios instarán á Xunta a que "continúe co modelo de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio" impulsado polo anterior goberno, en busca dun "sistema educativo universal, de calidade e gratuíto para todos".

Segundo expuxo na súa intervención Manuel Vázquez, o Goberno galego ampárase no paraugas da "austeridade" para levar a cabo un modelo que, a longo prazo, será "máis caro" que o impulsado pola anterior Consellaría de Educación, que incluía un sistema de préstamo de libros.

"Promoven un modelo un 25 por cento máis caro que beneficiará un 22 por cento da poboación", sentenciou Manuel Vázquez para censurar o cálculo de "dobre xogo" que realizou o goberno da Xunta para estimar o aforro.

"Dobre xogo"

A este respecto, o responsábel de Educación do PSdeG, Guillerme Meixón, tamén presente na rolda de prensa, explicou que o aforro que anunciou a Xunta benefíciase do sistema de préstamo instaurado polo bipartito, de xeito que nos anos sucesivos aínda redundará positivamente este modelo. "Non contabiliza o custo real da supresión da gratuidade de libros", alertou.

Ademais, Manuel Vázquez asegurou que esta "medida retrógrada" só lle beneficia os libreiros, cos que a Xunta "quere quedar ben". Malia apostar por  que este colectivo "non saia mal" e se articulen medidas para "axudalo", censurou que se elimine un modelo no que "todo o mundo saía gañando".

Os socialistas calculan que unhas 130.000 persoas non contarán con libros gratuítos por mor desta medida, fronte ás 37.000 que recibirán "unha axuda similar" da nova Xunta á que tiñan anteriormente. Por esta razón, o PSdeG buscará o apoio de todos os colectivos que queiran colaborar na recollida de firmas en contra desta supresión.

Non coinciden 'nun 95%' con Galicia Bilingüe

En relación coa reunión mantida este xoves con Galicia Bilingüe, Manuel Vázquez reduciuna a un encontro de "cortesía parlamentaria" que demostra que os socialistas "escoitan" todas as opinións.

Con todo, aseverou que o PSdeG "non coincide no 95 por cento" das posturas que defende e precisou que reunirse con este colectivo "non significa en absoluto" que os socialistas compartan posicións con el. De feito, acusou a Galicia Bilingüe de, ás veces, non "respectar" a lingua deste país.

Manuel Vázquez insistiu en que "non hai represión lingüística" respecto ao castelán en Galiza e asegurou que sempre foi un país no que "non existían" problemas por razón de lingua até que "alguén abriu este melón", en referencia velada ao agora presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río