Europa Press . A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) asegura que entre o 30 e o 40 por cento dos máis de 20.000 empregos do sector metalúrxico da provincia están en perigo a consecuencia da folga, que hoxe cumpre 23 xornadas.
En declaracións aos medios, o presidente da CEP, Xosé Manuel Fernández Alvariño, asegurou que, a pesar da "ruptura da unidade sindical", os empresarios "séguense sentando nas mesas, tratando de chegar aos acordos pertinentes" posto que a diferenza de posturas entre as organizacións "o que deixa entrever é que hai uns sindicatos con máis conciencia e outros que seguen apostando pola confrontación". Os empresarios, ademais de cuantificar millóns de euros de perdas e que moitos traballadores do sector "cobrarán un 80 ou 90 por cento menos este mes, os que cobren", alertan do perigo que corre un gran número de empregos. Ademais, criticou a acción dalgúns piquetes e lamentou a actitude "non acorde á Democracia actual" que atribuíu a algúns sindicatos e preguntouse "como se pode consentir que se ameace a traballadores que queren volver traballar" que, segundo afirmou, son a maioría. Para Alvariño, este tipo de feitos "poden ser perseguíbeis polo Ministerio fiscal, porque se está conculcando o dereito dos traballadores". Xuntanza Ademais dos efectos a curto prazo, expresou a súa especial preocupación pola "perda de credibilidade da provincia" no que respecta ao medio e longo prazo. Así, afirmou que, máis que o feito de que un barco poida sufrir un atraso na súa entrega, teme unha posíbel diminución "da capacidade que se pode ter a partir de agora para conseguir máis contratos". Neste sentido, asegurou que na China -un dos competidores internacionais no sector de construción naval- o conflito do metal "sae nos telexornais" e os estaleiros dese país aproveitan para lanzar a mensaxe de que non se constrúa en España" debido ao escenario de conflitividade. Alvariño anunciou a súa intención de reunirse cos tres sindicatos -CIG, CC OO e a UGT- xa que "se hai dúas non vale", e así, intentar alcanzar "canles de diálogo de futuro" que logren a estabilidade empresarial e económica da provincia, "que vai seguir sendo motor económico de Galiza pero que está en transos de converterse nun Ferrol", engadiu. Finalmente, contrapuxo a actitude "silenciosa" dos sindicatos, a nivel estatal, coas cifras do paro, coa "agresividade espectacular de aquí por dous puntos -incremento salarial e xornada laboral- do convenio" e recordou que estaleiros e talleres da provincia está trasladando actividade fóra da provincia.
Xosé Manuel Fernández Alvariño, presidente da CEP.
Descargar Tarifas