A primeira Iniciativa Lexislativa Parlamentar (ILP) que o PP levou ao Hórreo busca limitar o dereito ao aborto. Quen está realmente detrás?
Organizacións ultraconservadoras vencellas á Conferencia Episcopal e ao Foro da Familia. De feito, a Red Madre [que presentou o texto], forma parte deste Foro da Familia. Todos sabemos que posicionamentos ten sobre os dereitos civís este Foro. Non é unha Proposición non de lei para protexer as embarazadas. É unha iniciativa oportunista lanzada cando se está abrir o debate da reforma da lei do aborto, que é unha boa lei, pero de 1985, polo que necesita cambios. Hai que garantir o dereito ao aborto como un dereito universal. Moitas autonomías, case todas do PP, non practican abortos na sanidade pública, incumprindo a lei actual. A reforma da lei do aborto está en debate parlamentario nas Cortes. Paralelamente, a ultradereita presenta esta Iniciativa Lexislativa da man de organizacións provida, que nalgún caso teñen chegado a exercer a violencia, accedido a datos de clínicas, financiadas pola Comunidade de Madrid...
Que pretenden realmente?
O único que buscan é que organizacións de ultradereita monten unha rede de apoio ás embarazadas paralela á pública. Loxicamente nós estamos radicalmente en contra. Os plans de apoio xa existen, a lei xa obriga a informar das axudas. No PPdeG hai unha regresión ideolóxica moi seria, unha radicalización á dereita, que está facendo de Fraga, non diría un progresista, pero si un moderado ao lado do actual grupo parlamentar.
Como valoran que as rendas medias queden sen libros de texto gratis?
Cuestionar a gratuidade dos libros de texto é cuestionar que as persoas de rendas medias e altas non teñan que pagar as vendas cando van a un hospital público. É unha medida regresiva e absurda, o PP non entende o concepto de dereito universal.
E o traslado da ‘embaixada’ en Bos Aires ao Centro Galicia?
Esa delegación seguía un modelo válido que hoxe están a imitar Euskadi e Cataluña. Permitía que todos os galegos, á marxe da súa ideoloxía ou clase, acudisen a un centro para tramitar bolsas, axudas, etc. Era un punto de encontro da cultura e dos negocios dos galegos no exterior. Un espazo libre, que utilizaban os alcaldes de calquera partido. O PP alega que era moi caro, pero non é certo, pois permitía en cinco anos facerse coa propiedade. O que fai o PP é trasladar a delegación ao Centro Galicia, que preside un militante do PP, que recibe axudas públicas e ao que agora váiselle pagar un aluguer. Unha barbaridade.
Vostede é deputada por Ourense e unha das principais críticas co ‘superdelegado’ Roxelio Martínez. Parece que pronto se van coñecer máis presuntas irregularidades...
A trama que vimos até agora é só a punta do iceberg. O PSOE formou un grupo de traballo para seguir estas actuacións e esta semana haberá algunha novidade... Antes falabamos de subvencións que, sendo presidente do Grupo de Acción Local de Arnoia, aprobou a empresas nas que el formaba parte. Agora imos a ver como se utilizaron cartos en proxectos que nunca viron a luz, como unha central de biomasa que non existe, que é
un alpendre no que non cabe un coche.
As protestas do ‘baltarismo’ contra Feixóo van en serio?
Non. A protesta ten que ver co reparto do pastel. Baltar sempre se escudou na parte máis galeguista do PPdeG, igual que Cuíña, pero ao final nunca deron un debate ideolóxico. O que hai é que Baltar percibe operacións contra el dentro do PP, por exemplo, colocar a un inimigo íntimo seu, Roxelio Martínez, como ‘superdelegado’.
É logo unha arroutada de Baltar?
Non creo nin que chegue a unha arroutada, á marxe de que o seu fillo sexa presidente do PPdeG en Ourense. Mentres non o teña garantido, seguirá presentado ese debate. Por iso está alerta, pero non hai ningún fondo, nin de lingua nin de ningún tipo.
No Consello da Xunta hai catro mulleres entre once membros. O PSdeG denunciouno nos Xulgados...
Incumpre claramente a lei da Xunta, pois ningún sexo pode superar o 60%. Agardamos que os tribunais se pronuncien a final de ano. De darnos a razón, non pediremos que se modifiquen as decisións do Consello até entón, porque sería paralizar o país, temos que facer oposición pero responsabelmente, pero Feixóo tería que cambiar o Goberno. En todo caso, o PP é o único partido en España que hoxe cuestiona a democracia paritaria. Mesmos os partidos de dereitas noutras zonas de Europa o teñen asumido hai moitos anos. Unha institución que non incorpora a metade da súa poboación aos postos de decisión está coxa en termos democráticos.